publicidade hoxe

Proxeccións audiovisuais, música e unha exposición centran a programación do centenario de Xosé Velo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal Portada
A-
A+

O Concello de Celanova e a Consellería de Cultura e Educación presentaron hoxe as actividades coas que se celebrará este ano o centenario do nacemento de Xosé Velo Mosquera, unha programación que ten como obxectivo central “recuperar a memoria do intelectual e poñer en valor a entrega e a traxectoria dun home valente e destemido que loitou pola dignidade de Galicia e da súa cultura”. Así o aseguro o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa xunto co alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro, e mais con Antonio Piñeiro, secretario da fundación e biógrafo de Velo.

Cofundador das Mocedades Galeguistas e activo dinamizador cultural e político da sociedade galega en Caracas, o celanovés foi protagonista do asalto ao transatlántico portugués Santa María, en denuncia das ditaduras de Franco e Salazar, un episodio que recupera o programa de actividades.

Fotografías cedidas por emigrantes que algún día viaxaron no Santa María cara a Venezuela, xunto con diverso material relacionado co barco –entre o que destaca unha reprodución a escala do buque conservada no Museo de Pontevedra–, conforman esta exposición producida pola Fundación Curros Enríquez, que se poderá visitar desde o 21 de abril ata finais de agosto na sede da Casa dos Poetas. Tamén se inclúen na mostra diversas publicacións editadas arredor do episodio do secuestro do Santa María e sobre a propia figura de Pepe Velo, xunto coa voz do protagonista, a través dun programa de radio que dirixiu en Caracas.

Proxeccións audiovisuais e música

O secuestro do buque xunto coa traxectoria de Velo centrarán tamén unha semana audiovisual coas proxeccións de diversas películas e documentais, dirixidas por Xan Leira (‘Pepe Velo, verbas coma lóstregos’), Margarita Ledo (‘Santa Liberdade’) e Francisco Manso (‘Assalto ao Santa Maria’), que se poderán ver na Casa dos Poetas.

A música do grupo 2naFronteira, cun concerto no que se interpretarán pezas compostas a partir de distintos poemas escritos por Pepe Velo, e unha lectura participativa no marco dunha xornada de convivencia entre os colexios Curros Enríquez, o vindeiro 11 de maio, completan a programación arredor do intelectual, que morreu no exilio en Brasil en 1972.
A presentación aos medios de comunicación tivo lugar na confluencia da rúa San Rosendo coa rúa Pepe Velo, dedicada ao intelectual e activista político desde hai 20 anos, cando, en 1996, os seus fillos Víctor e Manuela viaxaron a Celanova para participar nas distintas homenaxes que con tal motivo se celebraron naquel momento na súa vila natal.

11 de abril de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.