publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Parlamento Xove chega á fase final na que participarán 16 equipos de 12 centros galegos

A fase final da competición de debate Parlamento Xove, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dará comezo mañá cos debates de cuartos de final no que participarán un total de dezaseis equipos de doce centros educativos, oito na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria e outros oito na categoría de Bacharelato. O sábado descorrerán os debates de semifinais e finais no hemiciclo do Parlamento de Galicia.

Os oito equipos que chegaron á fase final na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria pertencen ao Colexio Maristas “A Inmaculada” (A Coruña), ao Colexio La Salle (Santiago), ao IES Monte Castelo (Burela), ao IES A Pinguela (Monforte), ao IES de Becerreá e ao CPR Nosa Señora de Lourdes (A Estrada). Todos eles competirán cun equipo mentres que o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía) contará con dous equipos na fase final.

Na categoría de Bacharelato participarán nesta fase final con dous equipos o IES de Becerreá, e cun equipo o IES Eduardo Pondal (Santiago), o Colexio La Salle (Santiago), o CPR Plurilingüe Colexio Esclavas (A Coruña), o IES Antón Fraguas (Santiago), o Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio) e o IES de Rodeira (Cangas).

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos participantes empregan a oratoria para defender un posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os compoñentes de cada equipo, formado por catro alumnos e alumnas e un profesor, investigarán e debaterán sobre o tema proposto, que nesta fase final é “O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?” Cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación á cuestión formulada.

O equipo gañador de Bacharelato e da categoría da ESO recibirán como premio unha viaxe valorada en 5.000 e 3.000 euros respectivamente. Os membros dos equipos subcampións das dúas categorías recibirán un disco duro. Así mesmo, os membros dos equipos gañadores do premio ao mellor dossier de investigación recibirán un mp3, ao igual que os mellores oradores.

Parlamento Xove ten como obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, ao tempo que se potencian habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Asemade, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

14 de abril de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.