publicidade hoxe

Os familiares de vítimas do Alvia son expulsados do Congreso tras chamar desvergonzados a PP e PSOE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Familiares das vítimas de Angrois foron expulsados este xoves da tribuna de convidados do Congreso por chamar “hipócritas” e “sinvergüenzas” aos deputados do PSOE e do PP, e por mostrar camisetas coa lenda ‘Verdade, xustiza, non máis mentiras’ e diversos DVD co documental que se realizou sobre o sinistro.

Representantes da Plataforma ‘Vítimas Alvia 04155’ foran convidados polo grupo parlamentario de Podemos para presenciar o debate sobre a petición de En Marea de crear unha comisión de investigación do accidente de Angrois, unha solicitude que foi rexeitada por socialistas e populares.

Ao termo do debate, os familiares das vítimas do fatal sinistro comezaron a proferir insultos contra o PSOE e o PP, o que obrigou o presidente do Congreso, Patxi López, a ordenar a súa expulsión do hemiciclo. Abandonaron a sala de plenos entre aplausos que lles dirixiron os deputados de Podemos e as súas confluencias, de ERC e de Compromís.

Unha vez fóra, un voceiro da plataforma, Jesús Gutiérrez, explicou aos medios de comunicación que non puideron reprimir as súas emocións cando viron como dende o PP e o PSOE aseguraron que “están coas vítimas” e rexeitaron, non obstante, a apertura dunha comisión de investigación.

Gutiérrez denunciou que, despois de 81 mortos e 140 feridos, as vítimas teñan que seguir oíndo “mentira tras mentira” e sigan vendo como se”están a rir” dos mortos. “É unha auténtica vergoña”, proclamou.

“NINGUÉN OS MANIPULA”

Neste sentido, deixou claro que ás vítimas de Angrois “ninguén lles manipula”. “Os que manipulan e quen enganan”, dixo, son o PSOE e o PP, que venderon unha liña a todos os galegos como de alta velocidade” e investiron 174 millóns nun sistema de seguridade que “acabaron desconectando porque xeraba atrasos”.

Ademais, Gutiérrez censurou que aos responsables políticos dese accidente ferroviario non se lles só destituíra senón que se lles”premiara”. “Xa está ben de oír que están coas vítimas. Só queren manterse no seu sofá”, resaltou.

28 de abril de 2016 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.