publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O viveiro de Lalín acada unha ocupación do 80% nos locais destinados a oficinas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroLalínMeisPontevedra
A-
A+

A comisión seleccionadora dos proxectos empresariais para os viveiros de Lalín e de Barro-Meis adxudicou, na xuntanza desenvolvida hoxe, outros oito espazos de oficinas para ambas as instalacións. Con estas novas adxudicacións os espazos dedicados a oficinas en Lalín teñen unha ocupación do 80 % e o de Barro-Meis do 25 %.

En concreto, para Lalín aprobouse á empresa de Alberto Massa Calleja a adxudicación da oficina número catro. Este proxecto empresarial está baseado na preparación de oposicións en liña.

Este novo viveirista únese ás outras tres empresas xa instaladas en Lalín: Kuzunguka APP Developers, que realiza un dispositivo e unha APP para localizar obxectos perdidos; Stoutic Computing Technologies S. L., que ofrece solucións de automatización da xestión e comercio electrónico da empresa PEME (solucións TIC á xestión empresarial e á actividade promocional doutras empresas); e Inés Ferreiroa Louzao, que ofrece un servizo de mediación (resolución de conflitos para evitar a vía xurídica).

No que respecta ao viveiro de Barro-Meis aprobouse a instalación de sete novas empresas, cinco en oficinas e dúas en naves: Certivedra Rehabilitación C. B., dedicada á construción e rehabilitación enerxética de edificios, emisión de informes de avaliación de edificios, certificados de eficiencia enerxética, peritaxes e valoracións; Laura Santiago Fariña, para a formación, asistencia e orientación socio-sanitaria no medio rural (necesidades asistenciais, formación de pacientes e de familias e orientación na tramitación de documentos); Coperfruit S. L., dedicada á comercialización, importación e exportación de froitas; María Margarita Ferreira Pereira, para o asesoramento a persoas que queiran desenvolver a súa actividade no medio rural; María Margarita Ferreira Pereira, para o asesoramento ás mulleres profesionais e emprendedoras que desenvolven a súa actividade no medio rural; e para as naves, ás empresas de Avelino Tourís Fajardo, dedicado á comercialización de sal mariña natural atlántica 100 % sen aditivos, e de Jorge Fontán Carballo, dedicado ao transporte e á distribución de mercadorías perecedoiras por estrada.

O viveiro de empresas de Lalín conta en total con tres naves dunha superficie variable de 141,00 m² a 142,70 m²; cinco oficinas dunha superficie variable de 16,10 m² a 18,10 m²; e un espazo de coworking de 92,10 m², cunha capacidade para 16 postos de traballo.

O viveiro de Barro-Meis dispón de 16 naves cunha superficie variable de 54,75 m² a 111,10 m²; 24 oficinas cunha superficie variable de 18 m² a 25 m²; e 3 espazos coworking de 37 m² cada un, cunha capacidade para 12 postos de traballo.

7 de abril de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.