publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas é condenado a repoñer unha auxiliar á que non renovou ao enfermar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVerín
A-
A+
Europa Press

Unha sentenza da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifica a condena ao Sergas a repoñer no seu posto unha auxiliar de enfermaría do hospital de Verín (Ourense) á que non renovou cando se puxo enferma e despois de facerlle varios contratos temporais durante máis de catro anos.

O TSXG desestima o recurso interposto pola Xunta e ratifica a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, que considera probado que “os sucesivos chamamentos da actora para prestar os seus servizos” no hospital de Verín respondían “a unha necesidade estrutural que se prolongou” durante máis de catro anos e que esta “non tiña que ver”, polo tanto, “con razóns de carácter temporal, conxuntural ou extraordinario”.

Sostén, así mesmo, que se o 30 de abril de 2014 “non se renovou o seu nomeamento como auxiliar foi só porque nese momento se achaba nunha situación de incapacidade laboral temporal xurdida durante a vixencia do seu último nomeamento”.

O Xulgado conclúe que a Administración sanitaria “incorreu nun abuso de dereito e infracción dos dereitos básicos dos traballadores e empregados públicos (mesmo temporais) ao non o renovar o seu nomeamento” a unha persoa levaba “traballando para ela de forma continuada e ininterrompida durante un prolongado período de tempo” -superior a catro anos- “pola única razón” da baixa por enfermidade.

“Iso non significa que a reincorporación vaia ter un carácter permanente”, continúa o maxistrado, quen sostén que o Sergas deberá “crear e prover a praza” mediante o correspondente procedemento de “concorrencia competitiva ou amortizala, se por circunstancias ben xustificadas, resultase innecesaria”. Pero, engade, mentres tanto a traballadora “recuperará o seu posto de traballo no hospital.

“VÍA FRAUDULENTA”

A Sala do Contencioso do TSXG asume o “criterio” do maxistrado e interpreta que o Sergas “trataba de ocultar, por esta vía fraudulenta – de encadear contratos temporais-, unha contratación indefinida de persoal” que, no caso da auxiliar, “se prolongou no tempo máis de catro anos ininterrompidos”.

“Achámonos, polo tanto, ante o que puidésemos reputar como unha relación xurídica indefinida temporal que, pola súa natureza, priva de virtualidade á cláusula temporal de duración prevista no nomeamento subscrito entre as partes, polo que o cesamento só pode vir determinado pola cobertura en propiedade da praza ou pola súa amortización”, esgrime o fallo do TSXG.

Engade que este suposto non se dá no caso da traballadora do hospital de Verín e censura acordar o seu cesamento “aproveitando unha baixa temporal” e “ao socaire dun prazo de expiración da relación xurídica”, cuestión que considera que “non é de recibo”.

Así, ratifica unha sentenza que ditaba a anulación das resolucións do Sergas desestimando os recursos da traballadora, así como o cesamento da demandante realizado con efectos do 30 de abril de 2014, ademais de condenar a Administración demandada a repoñer a demandante no seu posto de traballo.

22 de abril de 2016 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.