publicidade hoxe

O obradoiro de emprego ‘Coida de ti’ de Barbadás amplía as oportunidades laborais e fixa poboación no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarbadás
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Barbadás na entrega de diplomas do obradoiro ‘Coida de ti’ no que un total de 20 persoas desempregadas formáronse e accederon a un posto de traballo nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.

A iniciativa, que a Xunta desenvolveu en colaboración co Concello de Barbadás, permitiu aos alumnos e alumnas recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu neste programa preto de 180.000 euros co principal obxectivo de mellorar a empregabilidade e ampliar as oportunidades laborais dos seus participantes. Ademais, Marnotes resaltou a importancia dos obradoiros de emprego porque contribúen tamén a fixar poboación no rural.

Ademais da cualificación, os obradoiros permiten aos seus participantes acceder a un emprego e contribuír á realización dun servizo para a comunidade. No caso de Barbadás, os beneficiarios do programa realizaron no concello labores de atención sociosanitaria e de dinamización de actividades de tempo libre. Outra das vantaxes destes programas é a colaboración institucional, xa que se realizan entre a Xunta e as administracións locais. Por todas estas vantaxes, Marnotes apuntou que o Goberno galego sigue a apoiar os obradoiros aos que destina este ano 14 millóns de euros.

O director xeral de Orientación indicou que un dos eixos principais da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral, é a formación e especialización ao longo da vida laboral dos traballadores e traballadoras galegos. Para iso, contén diversas medidas entre as que salientou o apoio á creación de Unidades de Formación na empresa con compromiso de contratación e a posta en marcha dun proxecto piloto de Cheque Formación para que os desempregados teñan liberdade de elección para realizar os cursos. “Apostar pola aprendizaxe é apostar pola creación de emprego estable e de calidade”, subliñou.

A Axenda 20 apoia, así mesmo, aos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Esta folla de ruta o que pretende é, tal e como sinalou o director xeral, garantir a calidade e estabilidade laboral e que “a recuperación económica chegue a todos os fogares”.

19 de abril de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.