publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a solicitude de rexistro da nova Indicación Xeográfica Protexida dos viños de ribeiras do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCangasLocal PortadaMarínMoañaPoioPontevedraPontevedraRedondelaVilaboa
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo, que amparará aqueles caldos producidos nesta zona. Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un paso máis de cara a súa inscrición no rexistro europeo. Unha vez que se publique tamén no BOE, abrirase un prazo de dous meses para presentar calquera oposición a este rexistro.

Esta indicación xeográfica iniciouse a petición dun grupo de viticultores e elaboradores da zona do Morrazo e concellos próximos que querían distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade. Unha vez comprobado que se cumpren cos requisitos legais, elaborouse o prego, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades cultivadas nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.

Precisamente, a posta en marcha desta distinción conta co apoio das corporacións locais de todos os concellos aos que atinxe a mesma, xa que facilitará a comercialización das producións da zona. A potenciación das nosas producións agroalimentarias, e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade, axuda a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía da comunidade autónoma.

Tramitación en Europa

Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no DOUE. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada Protección Nacional Transitoria, que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar a nivel nacional mentres continúa o proceso a nivel europeo.

29 de abril de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.