publicidade hoxe

O Concello de Catoira xa ten concedido o 86% das axudas do Plan Concellos 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Concello de Catoira xa ten concedido, nestes pouco máis de noventa días do ano, o 86 por cento das subvencións ao abeiro do Plan Concellos 2016, que ascenden a máis de 327.000 euros.

Así se desprende da xuntanza mantida hoxe entre o deputado provincial de Cooperación, David Regades, e o alcalde de Catoira, Alberto García. Ambos os mandatarios analizaron a aplicación do Plan Concellos 2016 e o grao de cumprimento, do cal o alcalde mostrou a súa satisfacción por seren, coa “nova Deputación”, os concellos os que deciden como aplicar as subvencións que concede a institución provincial.

David Regades remarcoulle ao alcalde o compromiso da Deputación coa celebración da romaría viquinga do mes de agosto e co desenvolvemento dun seminario internacional sobre os viquingos que acollerá a localidade de Catoira entre os días 25 e 26 do próximo mes de maio. Igualmente, Regades subliñou o apoio da institución provincial ao VI Congreso Internacional de Adestradores en Augas Tranquilas de Piragüismo, que terá lugar o próximo mes de outubro na localidade pontevedresa.

Por outra banda, o deputado provincial de Cooperación mostrou todo o apoio á reclamación do alcalde de Catoira a que a Xunta de Galicia asuma a ponte interprovincial que une esta localidade con Rianxo e que presenta un estado de conservación lamentable.

Dentro das axudas que recibiu o Concello de Catoira dentro do Plan Concellos 2016 destacan a partida para a contratación de 20 persoas para tarefas de apoio aos operarios municipais, por importe de 85.468 euros, ou os 223.168 euros dedicados a investimentos. Neste apartado destacan as obras de pavimentación de varias vías municipais (56.979 euros), a construción dunha pista de pádel (30.093 €), o acondicionamento das dependencias das nova casa do concello (19.035 €) ou o cambio da iluminación de varias instalacións deportivas ao sistema led de aforro enerxético (37.797 €), entre outras.

7 de abril de 2016 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.