publicidade hoxe

Navantia ultima a sinatura do contrato para construír dous BAC para Australia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CC.OO.), asegurou que a dirección de compañía naval pública lles trasladou que “moi probablemente a próxima semana se asine o contrato para a construción de dous buques” do tipo Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC), do estilo do ‘Cantabria’ da Armada Española, “para a Armada de Australia”.

Galán asegurou que se trata dunha “boa noticia”, pero advertiu que os traballadores non a poden “dar por segura, como que xa está contratado, porque polo momento este contrato non está asinado”. “E en caso de materializarse este encargo conxuntamente co das cinco fragatas da serie F-110 para a Armada Española, daríanos un importante colchón, tanto para o persoal da principal coma para os traballadores das compañías auxiliares”, apostilou.

A pesar das futuras contratacións que poderían chegar, tamén trasladou que a situación actual de carga de traballo do estaleiro “está moi baixa”, xa que “se está a finalizar o flotel para Pemex e os traballos do BAM, a pesar de poñer hoxe a quilla, a súa construción tamén está moi avanzada” estimando que “ata pasar o verán de 2017 moi probablemente non se poida falar de ocupación plena para todos os traballadores de Navantia e da industria auxiliar”.

Nunha asemblea xeral, o presidente do comité de empresa trasladoulles aos seus compañeiros os acordos alcanzados a semana pasada en Madrid, nun encontro da coordinadora de comités intercentros, da que o propio Galán é o presidente, coa dirección da empresa, e na que se lles deu traslado da conta de resultados do ano 2015.

Segundo explicou, comunicáronselles “unhas perdas superiores aos 160 millóns de euros”, o que lle valeu para volver reclamar, neste caso petición secundada polo resto de comités, “o nomeamento dun novo presidente (José Manuel Revuelta), un novo equipo que saque deste burato á empresa e que sexa capaz de ilusionar e poña enriba da mesa un plan industrial”, que segundo o representante sindical debería de asegurar o futuro da empresa Navantia, non solo con prexubilacions, como queren algúns, senón que traia aparellado xente nova a esta factoría”.

CONFLITO DE SPRIL NORTE

Javier Galán tamén volveu reclamar “un cambio na política de subcontratación que duns anos a esta parte está a ter esta compañía” e, así, reclamou que o comité de empresa “poida participar na elaboración dos pregos de condicións e onde non se prime só o aspecto económico”. “Entendemos que tamén hai que valorar a parte técnica”, esgrimiu.

O representante de CC.OO. asegurou que, no caso particular de Spril Norte, empresa encargada da prevención, contra incendios e enfermaría, e con 90 empregados, “a dirección de Navantia buscou unha empresa dentro das catro que van licitar para facerse co contrato”.

Engadiu que “unha das cales xa aceptou facerse cargo destes traballadores a partir do próximo luns, 2 de maio”, aínda que Galán criticou que esta encomenda “non contempla facerse cargo dos seus salarios dos dous últimos meses, que é o que levan sin cobrar”, estimando que se estaría a buscar tamén unha solución para esta falta de abono de nóminas.

29 de abril de 2016 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.