publicidade hoxe

Medio Rural reforza con 23 novos profesionais o persoal das oficinas agrarias comarcais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na presentación do libro en Boqueixón

Ángeles Vázquez na presentación do libro en Boqueixón

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o traballo “imprescindible” que desempeñan os 300 profesionais –entre veterinarios, enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas e persoal administrativo– nas case 70 oficinas agrarias comarcais distribuídas por toda Galicia. Fíxoo na presentación do libro “O Servizo de Extensión Agraria en Galicia (1956-2002)”, obra de Amador Rodríguez Troncoso, José Mariano Pérez Fernández e Constantino Mariño Torreira, todos eles membros deste servizo. O acto tivo lugar esta mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Segude (Boqueixón) e a el asistiu tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Neste contexto, a conselleira sinalou que “é o momento no que a Administración debe devolver ese esforzo”, e por ese motivo indicou que dende a Xunta se están a tomar medidas para dotar de persoal suficiente ás oficinas agrarias comarcais. Así, sinalou que recentemente tomaron posesión un total de 17 novos enxeñeiros e en datas próximas farano 6 veterinarios máis.

A obra presentada hoxe, editada pola Xunta, fai nas súas 484 páxinas un completo percorrido pola historia do Servizo de Extensión Agraria na nosa Comunidade desde os seus inicios ata comezos do século XXI, incorporando tamén multitude de referencias, como documentos ou fotografías.

Neste acto, Ángeles Vázquez enxalzou a importante contribución dos autores do libro –e, en xeral, do persoal do servizo– ao desenvolvemento desta actividade en Galicia. Destacou que estes profesionais levaron a cabo un labor impagable “partindo practicamente de cero”, sen os medios técnicos que existen na actualidade e “só coa súa vontade e o seu amor á nosa terra e aos que residen nela”.

Para rematar, Ángeles Vázquez referiuse á Oficina Agraria Virtual como unha canle on line de atención da Consellería aos agricultores e gandeiros que sería “inimaxinable” no 1956, ano no que arranca o relato do libro presentado hoxe. Neste sentido, destacou que os interesados poden facer directamente desde esta oficina consultas e trámites de obrigado cumprimento dunha forma fácil, áxil, rápida e cómoda.

22 de abril de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.