publicidade hoxe

Medio Ambiente inviste máis de 940.000 euros no novo sistema de abastecemento en alta de Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+
Beatriz Mato na visita á ETAP de Cerdedo

Beatriz Mato na visita á ETAP de Cerdedo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investiu máis de 940.000 euros no novo sistema de abastecemento en alta do concello de Cerdedo. Esta parte da rede é a que comprende a captación, potabilización e distribución ata os depósitos de cabeceira municipais.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, achegouse hoxe ata o concello para coñecer de primeira man estes traballos, que se executaron ao longo do pasado ano e que se entregaron ao goberno municipal no mes de xaneiro.

As obras consistiron na construción dunha nova captación no río Seixo, mediante dous pozos filtrantes que evitan a afección á canle e á vexetación de ribeira; dunha nova Estación de tratamento de auga potable (ETAP) deseñada para un caudal de 14 litros por segundo; dun novo depósito de cabeceira, ubicado a carón da ETAP; e dunha tubaxe que parte do novo depósito ata conectar coa rede de distribución de augas existente no núcleo de Cerdedo.

Segundo explicou Mato, estas novas infraestruturas permiten mellorar significativamente o abastecemento de Cerdedo “garantindo a cantidade e, de forma especial, a calidade do subministro de auga”.

O novo sistema vai dar servizo a preto de 600 veciños e veciñas do núcleo de Cerdedo, e conta coa capacidade para, nun futuro, poder abastecer tamén a parroquia de Pedre, o que incrementaría en 200 o número de beneficiarios. De feito, o deseño da infraestrutura ten en conta esta futura conexión, así como o posible aumento da poboación, polo que tería capacidade para dar servizo a 1.000 habitantes equivalentes.

Esta obra inscríbese no esforzo do Goberno galego por mellorar a calidade das augas da comunidade autónoma, no que se refire, máis en concreto, ao abastecemento, depuración e saneamento. “Levamos realizado un inxente traballo de planificación, de programación de investimentos e de execución de obras nesta materia”, subliñou Mato.

Entre outros exemplos, citou a aprobación a finais do pasado ano do Plan hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa, que vai contar cun orzamento de 655 millóns de euros ata 2021, dos que a Xunta achegará 423 millóns.

Tamén recordou que o departamento autonómico dispón dun Plan de investimentos para este ano, que mobilizará 90 millóns de euros para acometer obras en materia hidráulica, urbanismo e mellora da xestión da residuos. Do importe total, un 60 por cento (53,8 milllóns) corresponden á mellora das augas galegas. En concreto, este ano levaranse a cabo 55 actuacións de abastecemento, saneamento e loita contra o risco de inundacións, incluído o saneamento na parroquia de Tenorio, en Cotobade, ao que se destinará preto de 1,7 millóns de euros.

19 de abril de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.