publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente investirá 470.000 euros na reurbanización de distintos espazos do núcleo de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 470.000 euros entre este ano e o próximo na reurbanización das rúas Uxío Novoneyra, Pinguela e Cortaduría, así como na praza do Curro do corno, ubicadas no núcleo urbano do concello de Carrral.

Así se reflicte no convenio asinado hoxe pola titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José Luis Fernández. Este acordo inscríbese no marco do Plan hUrbe, que impulsa e financia o Goberno galego.

En concreto, os traballos incluirán a ampliación das zonas peonís, o soterramento das instalacións aéreas, a mellora da distribución de contedores de lixo, e a reorganización do tráfico da zona. “Todo isto realizarase a través dun deseño máis moderno, coidado e sostible”, apuntou a conselleira.

Grazas a estas actuacións, contribuirase á rexeneración urbanística, ao aumento e mellora do espazo público, e ao impulso económico do concello de Carral. Cómpre ter en conta que nestas rúas existen bastantes baixos e locais comerciais sen ocupar, polo que esta reurbanización pretende promover, ao mesmo tempo, o crecemento comercial do núcleo urbano.

Segundo recordou Mato, esta é a segunda actuación que se realiza en Carral no marco do Plan hUrbe. En 2011, executouse a urbanización do Campo da feira do concello, cun orzamento superior aos 350.000 euros. Así, o investimento do hUrbe en Carral achégase, ata o momento, aos 825.000 euros.

112 millóns desde 2010

A Xunta puxo en marcha o Plan hUrbe en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial da comunidade.

Así, a humanización permite mellorar os contornos urbanos, incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación da comunidade. Pola súa banda, a cooperación entre administracións permite mellorar a eficiencia dos recursos e ofrecer mellores servizos aos cidadáns. E o terceiro e último obxectivo, do equilibrio territorial, contribúe a fixar poboación nas zonas rurais. O hUrbe supón, en definitiva, unha nova visión que “pon ás persoas no centro das urbes para que se xunten, se reúnan, que interactúen e que se beneficien da vida en comunidade”.

Para conseguilo, o Plan hUrbe ten tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Desde que este Plan se puxo en marcha en 2010, a Consellería ten financiado 105 actuacións en 67 concellos cun total de 112 millóns de euros. Para o presente ano, o investimento para toda Galicia ascende a máis de 6 millóns de euros, dos que preto de 3,5 están dedicados a 21 novas actuacións, nas que se inclúe a de Carral, presentada hoxe.

11 de abril de 2016 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.