publicidade hoxe

Medio Ambiente integrará a zona do aparcadoiro e do cemiterio de Petelos na área da Casa Consistorial de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio en Mos

Beatriz Mato na sinatura do convenio en Mos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo as obras que permitirán a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial do Concello de Mos.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración, aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta, que permite a execución desta actuación recollida no Plan HURBE 2010-2016, que compromete un importe de máis 385.000 euros, e que responden ao programa de humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos.

A responsable de Medio Ambiente adiantou que, tras a sinatura do convenio, a Secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá licitar nas vindeiras semanas esta obra que mellorará a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas deste concello.

Mato Otero destacou que se trata de integrar estes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a casa consistorial. No que se refire ao aparcadoiro, executarase unha área superficial como continuación da praza da igrexa e prolongarase o pavimento e plantarase céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.). Tamén se delimitará o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.

Recordou que se trata da terceira actuación que se executa neste concello a cargo do Plan HURBE, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e no pasado ano executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento desatinado ata a data en Mos a través do Plan HURBE achégase aos 525.000 euros.

Plan Hurbe

A conselleira recordou que o Plan HURBE 2010-2016 naceu como resposta á necesidade da humanización das vilas de Galicia; ao tempo que daba resposta a dous obxectivos máis: favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial.

Sinalou que coa humanización das vilas mellóranse os contornos urbanos e contribúese ao benestar dos veciños e veciñas, incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade. Ao mesmo tempo, contribúe a fixar poboación nas zonas rurais, axudando así ao necesario equilibrio territorial do noso territorio.

A conselleira lembrou que dende o 2010 o Goberno galego ten financiado e executado máis dun centenar de actuacións en 67 concellos galegos e que suman un investimento de 112 millóns de euros. Destacou que a provincia de Pontevedra é a que maior investimento ten recibido con case un 40% do orzamento total do Plan, que se equivale a máis de 43 millóns de euros.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o departamento destinará máis de seis millóns de euros, dos que preto de catro serán para novas actuacións, que permitirán realizar investimentos en arredor de 20 concellos. O orzamento investirase, principalmente, na humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

5 de abril de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.