publicidade hoxe

Medio Ambiente iniciará as obras para unha nova captación en Vendas da Barreira este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiós
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Riós. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Riós. Foto: X. Crespo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle esta mañá ao alclade de Riós, Francisco Veiga, que o departamento que dirixe iniciará este ano as obras para unha nova captación e acometida de augas ao depósito de Venda da Barreira, neste concello ourensán.

Mato Otero mantivo esta mañá unha reunión co rexedor municipal, ao que lle adiantou que Augas de Galicia está actualmente revisando e pechando os últimos trámites da redacción do proxecto, que prevé un investimento de case 350.000 euros. Posteriormente, deberá asinarse un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Riós, no que se fixarán as obrigas de cada administración, entre as que destaca a licitación das obras por parte da Xunta.

Actualmente, o Concello de Riós abastécese dende o depósito xeral de Vendas da Barreira, alimentado polo bombeo de auga situado no río Mente. As obras, que financiará Augas de Galicia, consistirán na execución dunha nova captación de auga, e as conducións necesarias, que permita o transporte da mesma por gravidade dende os nacentes dun afluente do río onde actualmente se capta.

Outro dos puntos abordados no encontro foi a situación urbanísitica deste concello da provincia de Ourense. A conselleira recordou que Riós está a redactar o seu plan xeral, que conta con Informe de Aprobación Inicial, polo que lle brindou a colaboración da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para que avancen na tramitación desta figura de ordenación, co fin de aprobalo o antes posible.

8 de abril de 2016 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.