publicidade hoxe

Medio Ambiente destinará 200.000 euros para mellorar a rúa Padre Eiján de Leiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLeiro
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Leiro

Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Leiro

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello de Leiro para acondicionar a rúa Padre Eiján. En concreto, o Goberno galego achegará preto de 200.000 euros para financiar esta actuación, que se inscribe no Plan hurbe. Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco José Fernández.

Esta iniciativa vai permitir realizar “unha mellora efectiva dun espazo importante para a vida cotiá” dos veciños e veciñas de Leiro, explicou Mato. A rúa Padre Eiján está situada no corazón do núcleo urbano do concello, e une a rúa Gabino Bugallal –a principal vía da localidade- co paseo fluvial do río Avia.

A principal actuación que se vai realizar ao abeiro do convenio será a mellora dos accesos á rúa, tanto peonís como rodados. Para conseguilo, as obras contemplan a execución dun novo pavimento mellorado (de formigón acabado a cepillo e lousado de granito moreno); a ampliación e mellora do alumeado actual; e a renovación das infraestruturas básicas, separando as redes de saneamento e pluviais.

“En definitiva”, concluíu Mato, “o convenio que hoxe asinamos vai contribuír á rexeneración urbanística dun importante espazo público do concello e, polo tanto, vai contribuír directamente á calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Trátase da segunda actuación que se executa en Leiro ao abeiro do plan hurbe. En 2010 levouse a cabo o acondicionamento de dous tramos nas rúas Prado e Emilio Hermida, cun orzamento de preto de 45.000 euros. Deste xeito, o investimento do plan hurbe no concello ascende en total a case 250.000 euros.

Con todo, Mato precisou que esta non é a única colaboración prevista co concello. O departamento tamén vai destinar, a través de Augas de Galicia, un total de 20.000 euros para financiar a redacción do proxecto de construción dunha nova pasarela sobre o río Avia. Esta nova pasarela vai permitir volver conectar os 6 quilómetros de paseo polas ribeiras deste río.

Plan hurbe

A Xunta puxo en marcha o Plan hurbe en 2010, cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial. Para cumprir estas metas, o Plan inclúe tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos público, especialmente referidos a aqueles de carácter cultural e social.

Desde a súa posta en marcha en 2010, o hurbe ten posibilitado a realización de 105 actuacións en 67 concellos, grazas a un investimento total de 112 millóns de euros. Preto do 50% destas actuacións, corresponden á provincia de Ourense e delas beneficiáronse 28 municipios ourensáns.

Este ano está previsto investir máis de 6 millóns de euros no marco deste Plan en toda Galicia, dos que 3,5 millóns estarán destinados a 21 novas actuacións, como a que se asinou hoxe en Leiro. Destas novas actuacións, máis da metade van corresponder, de novo, á provincia de Ourense, que recibirá uns 1,6 millóns de euros.

19 de abril de 2016 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.