publicidade hoxe

Feijóo asegura que entre os anos 2009 e 2020 se investiron en Galicia 1.800 millóns de euros en abastecemento, saneamento e depuración das augas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal Portada
A-
A+
O titular da Xunta na visita á estación de tratamento na Lama. Foto: X. Crespo

O titular da Xunta na visita á estación de tratamento na Lama. Foto: X. Crespo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso da Xunta coa calidade das augas galegas e subliñou que “entre o ano 2009 e 2020 teremos investidos en Galicia case 1800 millóns de euros en abastecemento, saneamento e depuración das augas”. “O obxectivo está claro: chegar a todos os lugares de Galicia e garantir auga potable e saneamento nos núcleos de poboación superiores a 50 habitantes”, aseverou.

Durante a visita esta mañá á estación de tratamento de auga potable e as obras de mellora do abastecemento na Lama e na parroquia de Antas, Feijóo afirmou que estas obras reflicten o compromiso do Goberno galego en materia de abastecemento, saneamento e de depuración. Non en van, lembrou que, só en saneamento, se levan investidos máis de 1.000 millóns de euros desde 2009 “1.000 millóns que están empezando a dar resultados e, se en 2009 o 70% da auga que consumíamos tiña unhas condicións óptimas, hoxe é case o 80% da auga que consumimos” precisou.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta lembrou que estes 1.000 millóns de investimentos permitiron realizar máis de 350 actuacións -5 actuacións de saneamento cada mes- que benefician a 163 concellos. “Máis do 75% deses 1.000 millóns destinámolos á construción de 35 novas depuradoras, que dan servizo a 1,2 millóns de persoas, é dicir, case a metade da poboación galega ten unha depuradora nova, construída entre 2009 e 2016”.

No que se refire a obras de abastecemento, Feijóo asegurou que a cifra investida supera os 100 millóns de euros; “o que nos permitiu levar a cabo máis de 150 actuacións”, recordou.

Segundo o presidente da Xunta, esta cifra de 1.000 millóns en saneamento e os 100 millóns en abastecemento fan que se poida falar de “récord histórico de investimento en cinco anos, en materia de augas na Comunidade”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que Galicia está a cumprir as condicións que marca a Unión Europea sobre o estado das augas. E, neste punto lembrou que a obra máis importante que se fixo nestes anos foi a depuradora da ría de Vigo, “o maior investimento da historia da Comunidade en depuración de augas, que empezará a funcionar este ano”, ao que engadiu que “estamos tamén planificando todo o sistema da nova depuradora da ría de Pontevedra”.

Despois de afirmar que estas obras suporán “un antes e un despois”, Feijóo salientou que cumprir as condición que esixe a Unión Europea fai posible que a Comunidade dispoña de 115 millóns de euros procedentes da UE, que se inclúen dentro do Plan hidrolóxico para a Demarcación Galicia-Costa, que conta cun orzamento total de 650 millóns de euros.

O presidente da Xunta concluíu salientando que a estación de tratamento de auga potable e as obras de mellora do abastecemento na Lama e na parroquia de Antas, supuxo un investimento de preto de 1,3 millóns de euros e dá servizo a preto de 1.500 habitantes.

5 de abril de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.