publicidade hoxe

Evega pon en valor os viños tostados de Galicia cunha xornada en Ribadavia na Feira do Ribeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organizou para mañá xoves, día 28, a xornada técnica Os viños doces. Innovación en procesos e tecnoloxías. Esta iniciativa, feita en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a Asociación Galega de Enólogos e o Instituto Galego da Calidade (Ingacal), enmárcase nas actividades previas á 53º Feira do Viño do Ribeiro, que ten lugar na localidade ourensá de Ribadavia.

A actividade vai dirixida a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema, estudantes e público en xeral.

O principal obxectivo desta xornada é o de afondar no coñecemento dos viños doces así como as novidades e tendencias en procesos e tecnoloxías de elaboración. Os viños galegos deste tipo terán un protagonismo especial a través do relatorio de Manuel Castro González, enólogo da Cooperativa Viña Costeira, quen poñerá en valor o Tostado do Ribeiro coma exemplo de viño naturalmente doce. Hai que lembrar que tanto a Denominación de orixe Ribeiro como a de Valdeorras amparan este tipo de produtos nos seus regulamentos respectivos, e que nos últimos anos fixéronse esforzos importantes pola súa recuperación, sendo hoxe en día produtos cun alto valor engadido pola súa calidade.

Tamén terán cabida nas xornadas os licorosos de Portugal nun relatorio do doutor Francisco Manuel Morais Sarmiento, da Universidade Católica Portuguesa, quen falará dos viños de Porto e Madeira, cuxa historia remóntase aos tempos da colonización romana.

En último lugar a doutora María Belén Puertas García presentará os viños xenerosos andaluces de Pedro Ximénez e Moscatel. A xornada rematará cunha degustación de produtos representativos do amplo abano de alternativas que existen no mercado na actualidade.

Esta acción formativa da Evega enmárcase no Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao Agro Galego 2016 da Consellaría do Medio Rural e está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

27 de abril de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.