publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Derradeiros retoques para equipar a residencia e centro público en Pedrafita do Cebreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, supervisaron este martes as derradeiras obras de acondicionamento da residencia e centro de día público da Deputación neste Concello da Montaña Luguesa. Campos Conde salientou que “executamos os derradeiros traballos no interior desta instalación social, que son os da instalación eléctrica e colocación das portas do edificio. Unha vez concluído o conxunto destes traballos, nos que investimos 1,2 millóns de euros, continuaremos coa dotación do equipamento para a que achegaremos outros 120.000 euros. A previsión é ter en funcionamento este centro de maiores público ao longo deste ano, tendo en conta que é imprescindible a licencia legal de actividade por parte da Xunta de Galicia, que pode tardar ata máis de 6 meses. De feito, é o tempo que levamos esperando polos permisos autonómicos para a posta en marcha das residencias e centros de día da Fonsagrada e Castroverde”.

O Alcalde agradeceu a “importante achega” que fai a Deputación para dotar aos veciños de Pedrafita do Cebreiro dunha residencia e centro de día público no seu propio Concello, e subliñou que o funcionamento destas instalacións suporán unha revulsivo económico para o municipio, pois xerará un mínimo de 10 novos postos de traballo directo, coa contratación de persoal especializado para a atención dos maiores; ao tempo que manterán ducias de xeito indirecto, dinamizando a economía local. Raposo dixo que “cando se poña en marcha a residencia e o centro de día público da Deputación será a infraestructura por execelencia dos últimos 30 anos en Pedrafita”.

Campos Conde remarcou “todo é pouco para facer fronte ao despoboamento demográfico que sofre a provincia de Lugo en xeral, e a Montaña Luguesa en particular”.

Sen prazas

O Presidente salientou a necesidade de que a Xunta de Galicia colabore coa rede pública de residencias e centros de día da Deputación nos Concellos lugueses, concertando prazas públicas. Neste senso, lembrou que está a espera da resposta do Conselleiro do Política Social para manter un encontro no que abordar este asunto, que “é de vital importancia para a provincia, pois, dende os anos 70, non se crean prazas públicas en centros da 3ª idade públicos mentres a poboación segue a envellecer”.

Características

A residencia e centro de día público atópase no centro do Concello, concretamente, ao carón da Casa Consistorial, no espazo ocupado por unha antiga edificación que o Concello cedeu ao organismo lugués. Conta cunha superficie de 1.731 metros cadrados, que se distribúen en tres plantas. Estas instalacións ofrecerán 20 prazas de residencia e 20 de centro de día, aínda que o número das residenciais podería aumentar a 37, sempre que a Xunta o autorizase.

No soto están ubicados os sevizos de lavandería, caldeiras ou os vestiarios dos traballadores. Na planta baixa, estarán situadas os espazos comúns, como a sala de rehabilitación, a enfermería, o salón de actos ou a sala polivalente. Na planta media, ubícase a cociña e comedor, así como algunha habitación. Na terceria, atópanse o resto de habitacións e baños.

Manuel Villasol

A residencia e centro de día da terceira idade público da Deputación en Pedrafita do Cebreiro levará o nome de Manuel Villasol, tal e como aprobou o Pleno do Concello. Villasol é unha personalidade moi coñecida e recoñecida no Concello. Exerceu a política municipal máis de 25 anos. A súa vida estivo marcada pola emigración á Francia, onde pasou moitos anos. Apostou forte polo municipalismo e pola defensa do rural, traballando durante case unha vida por e para o seu concello: Pedrafita do Cebreiro. Villasol é, segundo din os seus veciñós, unha “figura emblemática da vida do Concello, ao que todos os veciños lle debemos este recoñecemento”.

5 de abril de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.