publicidade hoxe

Deputación de Pontevedra e Concello de Tui acordan as actuacións prioritarias en materia de mobilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraTui
A-
A+

Renovar a pintura da vía, dotar de sendas peonís e de elementos de calmado do tráfico as dúas estradas provinciais ao seu paso pola parroquia de Caldelas de Tui, é unha das actuacións prioritarias que acordaron esta mañá o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, o alcalde desta localidade, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural, Recollida de Lixo, Limpeza Viaria e Participación Cidadá, José Martínez Tato. Esta actuación foi sinalada como “prioritaria” polos representantes tudenses.

Desde o Concello tamén explicaron a súa intención de acometer outra serie de intervencións complementarias nesta vila termal para recuperar o seu valor histórico e acondicionar toda a zona da ribeira do río para usos sociais. Unhas actuacións que, en palabras de Uxío Benítez, “coinciden plenamente coa filosofía da rede de iniciativas para pór en valor as beiras do río Miño e que, ademais, se suman a outras xa existentes en concellos veciños, incrementando as tan necesarias iniciativas de recuperación medioambiental e social en toda a zona da raia”. Benítez acolleu con especial satisfacción o anuncio do alcalde de que se está proxectando realizar no futuro unha senda peonil pola ribeira do río ao seu paso por esta parroquia. “Todas estas apostas encaixan na estratexia de cooperación transfronteiriza que a Deputación de Pontevedra está a impulsar xunto coa CIM Alto Minho e que, tal e como se asinou na Declaración de Tui o pasado mes de febreiro, concluirá coa constitución da primeira Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Minho”, sinalou Benítez.

No relativo ás competencias en vías provinciais, as actuacións corresponderían ás dúas estradas que saen desde a parroquia de Caldelas cara a Salceda de Caselas -e que se unen á altura do Cuartel da Garda Civil facendo un percorrido circular- e consistirían en renovar a pintura na vía, dotalas dalgún tipo de infraestrutura peonil adecuada á contorna rural e instalar elementos de calmado de tráfico coma pasos de peóns sobreelevados. Estas actuacións, ademais de sumarse ás intervencións proxectadas polo Concello e contribuír á accesibilidade e humanización da contorna, tamén se fundamentan na gran densidade de tráfico rodado de ambas as estradas ao ser a vía de conexión con Salceda e no seu uso peonil por parte da veciñanza.

Enrique Cabaleiro e José Martínez Tato tamén incluíron dúas solicitudes máis correspondentes ás estradas provinciais nas parroquias de Rebordáns e de Ribadelouro. En ambos os casos, as intervencións solicitadas pasarían por dotalas de sendas peonís adecuadas a estas contornas rurais, toda vez que os elementos de calmado de tráfico xa os teñen solicitados ao abeiro do Plan MOVESE.

Uxío Benítez visitou esta mañá as catro estradas provinciais que desde o Concello tudense propoñen para realizar actuacións prioritarias, a maiores das solicitudes xa incluídas no Plan MOVESE. Así, o deputado provincial de Mobilidade puido coñecer in situ a situación destas vías provinciais e as necesidades que representan para a veciñanza e as persoas usuarias destas, ademais de acordar cos representantes municipais as actuacións pertinentes, que terán que acollerse ao novo decálogo de actuacións en estradas provinciais aprobado no Pleno do 29 de xaneiro. Uxío Benítez aproveitou, ademais, para revisar as solicitudes do Concello de Tui ao abeiro do Plan MOVESE, nas que contemplan medidas de calmado do tráfico a través de redutores físicos de velocidade de vehículos e pasos de peóns sobreelevados.

13 de abril de 2016 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.