publicidade hoxe

Deputación de Lugo e Concello impulsan a XVIII Feira da Tenreira Galega de Láncara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLáncaraLugo
A-
A+
Presentación da Feira de Degustación

Presentación da Feira de Degustación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, xunto a concelleiros deste municipio, presentaron este mércores os actos con motivo da XVIII Feira-Degustación da Tenreira Galega, que terán lugar os días 28 e 29 de abril, e 1 de maio. Trátase dunha cita en impulso do sector primario e da economía local de Láncara que impulsan Concello e Deputación, pois “a Xunta negou a súa axuda. Hoxe mesmo, me comunicaron que nos concedían cero euros”, avanzou Darío Piñeiro. O organismo provincial achega 3.000 euros (aportación que fai por igual a todo este tipo de citas, tal e como o decidiu o Presidente), así como unha novilla da Granxa Gayoso Castro.

Campos Conde destacou que “a través deste tipo de iniciativas, impulsamos as actividades propias do rural como motor para frear o despoboamento demográfico que sofre a nosa provincia, ao tempo que dinamizamos a economía local xa que, noutras edicións, chegáronse a repartir máis de 1.000 quilos de carne de tenreira”.

O Presidente lembrou tamén “o firme compromiso da Deputación co sector primario na provincia, co que colaboramos, por exemplo, a través de citas desta natureza, ou a través das poxas de novillas de ACRUGA, que se recrían na Granxa Gayoso Castro. Con isto, buscamos reforzar este sector clave para a economía, non só da provincia, senón de todo país”.

Programación

Os actos arrancan o xoves, 28 de abril, ás 16:00 horas, cando se fará en directo dende o salón de Plenos do Concello, o programa A Tarde da Radio Galega. Nel participarán, Deputados provinciais, o Alcalde, e tamén algún concelleiro, entre outros. Ao día seguinte, o sábado, será a festa dos maiores Os nosos avós o noso tesouro, que arrancará ás 12:00 horas cando se producirá, no Campo da Feira, a recepción da Corporación municipal. De seguido, terá lugar unha foliada a cargo da Asociación Cultural Val de Láncara, que amenizará a sesión vermú. Ás 13:15 horas será o xantar e, ao remate, ás 16:00 horas, retransmitirase en directo o programa Aquí Galicia da TVG.

O domingo, 1 de maio, ás 9:00 horas, quedará oficialmente inaugurado a Feira de Ano. Ás 11:30 horas, comezará a actuación da charanga Madialeva, que será a encargada de pór música a este evento durante todo o día. Ás 12:15 horas, logo da recepción de autoridades no Campo, abriranse os stands de degustación gratuíta de queixo de Láncara. Posteriormente, ás 13:30 horas terá lugar a lectura do pregón que, nesta ocasión, será a cargo do ciruxán vascular Luís Franco Núñez. Ás 14:00 horas, será o xantar na carpa, composto por carne de tenreira ao caldeiro ou á grella, pan, viño, cervexa, refrescos ou auga; queixo feito con leite de Láncara e café. O prezo do menú é de 12 euros.

Ás 17:00 horas, será a entrega de premios de gando vacún e ás 17:30, sortearase unha tenreira da Granxa Gayoso Castro da Deputación, entre todas as casas do Concello presentes no momento do sorteo. Ao remate, terá lugar a exhibición deportiva das escolas municipais do Concello, no Pavillón municipal. Finalmente, ás 18:30 horas, a charanga Madialeva actuará polas rúas da Pobra de San Xiao.

20 de abril de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.