publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Coro Piñeiro continúa coa rolda de visitas a equipamentos para persoas con discapacidade e afonda no compromiso con este colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraFene
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro Vázquez, visitou dúas entidades da comarca de Ferrolterra. Estes encontros enmárcanse na rolda de visitas a equipamentos e servizos para persoas con discapacidade que está a manter Piñeiro Vázquez, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades e estudar posibles novas vías de colaboración por parte da administración autonómica.

Deste xeito, Coro Piñeiro, visitou as instalacións do centro da Asociación de Pais e Amigos de Deficientes Mentais de Régoa (APADER), sita no concello de Cedeira. O traballo da entidade busca satisfacer as necesidades vitais das persoas con discapacidade intelectual, a través de actividades que faciliten a súa normalización social. APADER oferta servizos sanitarios, educativos, socioculturais, deportivos e informativos aos seus usuarios. Na actualidade, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, financia un total de 29 prazas na residencia da entidade, ás que destina un orzamento de 342.615 euros; o que se traduce nun incremento de 25.000 euros con respecto á axuda económica que a entidade obtivo no ano 2009.

A titular do departamento autonómico tamén se desprazou ata Fene, na provincia da Coruña, para visitar o centro ocupacional da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (ASPANEPS) na localidade, e coñecer de primeira man a actividade que desenvolve. A misión do centro é que as persoas con discapacidade invistan o seu tempo na aprendizaxe de tarefas nos obradoiros. Alí realizan traballos de encadernación, serigrafía, xardinería, carpintería ou cociña. Cómpre destacar que no presente exercicio, a administración autonómica achega 138.980 euros para o mantemento de 20 prazas no centro ocupacional da entidade. Isto supón un incremento de máis de 40.000 euros con respecto ao orzamento investido á mesma fin no ano 2009.

A directora xeral encomiou o traballo que desenvolven en Galicia entidades como APADER e ASPANEPS para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias a través da especialización na atención e da procura da integración social, un obxectivo que comparten ambas entidades e polo que tamén se esforza a Xunta de Galicia.

O colectivo de persoas con discapacidade gaña en 2016 en presenza e en recursos económicos na nova carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais.

Esta etapa comezada en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

19 de abril de 2016 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.