publicidade hoxe

Cores Tourís visitou o CEIP San Tomé de Cambados onde se levarán a cabo obras de reforma nos aseos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP San Tomé de Cambados

Cores Tourís na visita ao CEIP San Tomé de Cambados

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, o CEIP San Tomé de Cambados, onde a Xunta levará a cabo este ano obras de reforma dos aseos de Infantil.

O delegado territorial coñeceu así as necesidades prioritarias deste centro educativo, acompañado tamén polo concelleiro de Educación, Víctor Caamaño, e o de Obras, José Ramón Abal.

Segundo apuntou o responsable da Delegación Territorial da Xunta, as obras executaranse este ano grazas a un acordo de colaboración co concello de Cambados, aportando a administración autonómica un montante que roldará entre os 35.000 e os 40.000 euros para a execución destes novos aseos, beneficiándose un total de 8 aulas.

O concello, pola súa banda, acordou encargarse da execución da conexión de saneamento, así como aportar mano de obra para a execución destes traballos.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia da colaboración entre institucións para a execución deste tipo de obras nos centros educativos dos diferentes concellos pontevedreses, recordando que a labor realizada neste senso coa anterior Deputación e lamentando que “o actual Goberno provincial no estea a apoiar este tipo de acordos que permiten conservar, manter e mellorar colexios e institutos”.

As obras, priorizadas polo centro como as máis necesarias, permitirán que os cursos dos nenos máis pequenos conten con un aseo na propia aula, o que facilitará a labor dos docentes. A maiores, o delegado territorial comprometeuse a que a Xunta leve a cabo un estudo técnico sobre a viabilidade de ampliar a biblioteca do San Tomé aproveitando o espazo dos baños actuais que quedarán obsoletos unha vez que se fagan as obras anunciadas hoxe.

Nos últimos anos, a administración autonómica destinou case dous millóns de euros a melloras nos diferentes centros educativos de Cambados, tendo en conta a obra de ampliación do IES Asorey. No caso do colexio de San Tomé foi obxecto de varias melloras, como a adecuación do sistema de protección ou a reparación de cubertas e falsos teitos. En total, xunto coa obras anunciadas hoxe, o centro contou nos últimos anos cun investimento en melloras de máis de 200.000 euros.

21 de abril de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.