publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís analiza o programa Leader Galicia 2014-2020 coa mancomunidade do Salnés

Cores Tourís na reunión con membros da mancomunidade

Cores Tourís na reunión con membros da mancomunidade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá o novo programa Leader Galicia 2014-2020 cos membros da mancomunidade do Salnés.

A reunión tivo lugar no edificio de Exposalnés en Cambados, e á mesma asistiron alcaldes e representantes dos concellos de O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Tamén estiveron presentes o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, e Alfonso Ruano, representante de Agader.

Durante a reunión o delegado territorial e os representantes municipais estudaron as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader Galicia e para a concesión de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento.

Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, o orzamento deste novo programa será de 84 millóns de euros para toda Galicia que se xestionará a través de 24 GDRs, 5 deles na provincia de Pontevedra.

No anterior territorio de actuación existían 31 GDRs en Galicia, 6 deles correspondentes a Pontevedra. Agora, tal e como apuntou o delegado territorial, unirase a comarca de O Salnés coa comarca de Caldas, cun só GDR que contará con 16 concellos: Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Os concellos de Tabeirós que se atopaban incluídos no grupo rural Ulla-Umia-Lérez pasarán a formar parte do GDR do Deza.

José Manuel Cores Tourís explicou que a fase de constitución do novo GDR Salnés-Ulla-Umia ten que ser protagonizada e dirixida polos axentes do territorio, velando o Agader porque sexa un proceso aberto a todos. O proceso culminará coa celebración dunha Asemblea constituínte na que se aprobarán os seus estatutos, escollerase unha xunta directiva e se establecerá un plan de traballo para elaborar a estratexia de desenvolvemento local. Finalmente, tras a asemblea o GDR, xa formalmente constituído, deberá comezar a definir o programa de desenvolvemento para o seu territorio.

O DOG do 2 de marzo de 2016 definiu o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo 2 de xullo.

Consolidación de 280 postos de traballo

O delegado territorial destacou a importancia dos proxectos desenvolvidos cos Grupos de Desenvolvemento Rural, que no Salnés permitiron consolidar 280 postos de traballo a través de 83 proxectos e dun total de 3,8 millóns de euros de investimento.

A nivel provincial, o programa Leader permitiu desenvolver nesta provincia a través dos GDRs 462 proxectos cunha axuda económica de máis de 20 millóns de euros.

O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

7 de abril de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.