publicidade hoxe

Conde reafirma en Abegondo o compromiso da Xunta co impulso á contratación e o emprendemento dos xóvenes galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+
Francisco Conde na conferencia sobre o programa "On tour for Europe". Foto: M. Fuentes

Francisco Conde na conferencia sobre o programa “On tour for Europe”. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe en Abegondo o compromiso da Xunta co impulso á contratación e ao emprendemento dos mozos e mozas galegas. Así, Conde, que interviu no ciclo de conferencias organizado no marco do programa europeo On tour for Europe, no que participa o concello, sinalou que o Plan de Garantía Xuvenil é o mellor exemplo de como se están a utilizar os fondos europeos para o emprego “para facer máis, crear máis e formar mellor”.

Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria resaltou os apoios por máis de 18 millóns de euros neste 2016, nos que xa se activaron máis de 14, para apoiar aos menores de 30 anos, con axudas para os xoves autónomos, o impulso a novos obradoiros de emprego, ou o reforzo aos incentivos á contratación. Fixo tamén referencia á posta en marcha de programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, ou aos técnicos que nas oficinas de emprego prestan atención e asesoramento aos mozos e mozas.

De forma paralela, sinalou Conde, a Xunta está creando un ecosistema emprendedor que axude aos mozos que buscan poñer en marcha os seus proxectos. Neste eido, recordou a eliminación das licenzas municipais de actividade, a posta en marcha de programas de aceleración e emprendemento ou os diferentes apoios que se achegan a través do Igape. Do mesmo xeito, sinalou que o apoio ao emprendemento xuvenil se reforza coa nova Lei de Economía Social, e que para derribar barreiras burocráticas está en marcha a plataforma Doing Business.

Conde, que lembrou que segundo a EPA o número de desempregados en Galicia descendeu tanto no grupo de 16 a 25 anos, cunha variación interanual do -5%, como no de 25 a 34 anos, que rexistrou unha baixada superior ao 30% con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado, fixo fincapé en que aínda hai que continuar mellorando estas cifras. E para iso, o Goberno galego, recordou, ten en marcha a Axenda 20 para o Emprego, que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos de traballo ata 2020.

29 de abril de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.