publicidade hoxe

Cecilia Vázquez participa nun encontro cos xóvenes do programa correspondentes Xuvenís 3.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+
Cecilia Vázquez no encontro con xóvenes no programa Xuvenís 3.0

Cecilia Vázquez no encontro con xóvenes no programa Xuvenís 3.0

Un total de 18 mozos e mozas, coordinados por 4 docentes, participan este ano en Betanzos no programa Correspondentes Xuvenís 3.0, unha iniciativa da Consellería de Política Social que consiste en formar unha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas” informativas para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil. Todos eles son estudantes dos IES Francisco Aguilar e As Mariñas e do CPR Nuestra Señora del Carmen- Atocha. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nunha xuntanza con estes correspondentes co galo da celebración este venres do Día Europeo da Información Xuvenil.

Cecilia Vázquez agradeceu o seu traballo voluntario e resaltou que “a dinamización da información dentro do sistema educativo está considerada un eixo fundamental para ter redes de información xuvenil verdadeiramente operativas”. A directora xeral tamén lembrou que “esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, ao tempo que o correspondente adquire valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais”.

No total galego, no programa Correspondentes xuvenís 3.0 participan neste curso escolar 482 mozos e mozas, estudantes do segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. Está presente en 67 centros da comunidade galega, dos que 63 son institutos de secundaria, 3 residencias xuvenís e o Centro Residencial Docente de Vigo. Esta iniciativa, experimentou un aumento de participación con respecto aos datos do curso pasado, na que se implicaran 383 alumnos dun total de 62 centros educativos.

Os alumnos correspondentes reciben información de xeito periódico, así como un boletín informativo semanal e outro material de interese que se elabora no Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta publicación contén todos aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como bolsas de axudas, ofertas de traballo, recursos e dirección de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre.

Unha vez recollida a información, o correspondente a difunde entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogues ou redes sociais. Os correspondentes son “mediadores” de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida por parte dos compañeiros, ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto que o informa.

Correspondentes xuvenís 3.0 tamén dá visibilidade ás actuación xeradas polo propio centro coma certames, concursos ou viaxes, e todas elas poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.

27 de abril de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.