publicidade hoxe

As entidades naronesas presentan os seus proxectos na Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNarón
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial aos directivos da entidade Asociación de Amigos do Corazón (AMICOR) da área sanitaria de Ferrol e do equipo de Educación Vial do Concello de Narón, nunha rolda de reunións que contou tamén coa asistencia de concelleira de Acción Social e Participación Cidadá, Katy García Blanco.

Francisco Sanesteban e Conrado Vilela, que forman parte da directiva de Amicor, presentaron ao presidente provincial o proxecto “Corazóns activos” para a prevención da discapacidade e promoción da autonomía persoal das persoas afectadas por enfermidades crónicas cardiovasculares, que na área sanitaria de Ferrol afecta a un 42% das persoas maiores de 65 anos.

Segundo explicaron os responsables da entidade, a iniciativa pretende promocionar hábitos de vida saudables entre as persoas con afeccións cardiovasculares, así como ofrecer formación e información sobre o proceso de rehabilitación tras unha enfermidade.

Entre as actividades contempladas no proxecto está a creación do programa “Cardiocamiñantes Amicor”, que contempla a realización de perfís de resposta cardiovascular durante caminatas que discorren polo Camiño Inglés e o Camiño de San Andrés, así como a elboración de rutas cardiosaudables nos concellos da área de Ferrol.

O programa inclúe tamén o obradoiro anual de rehabilitación física na Malata, unha campaña especfífica de prevención de enfermidades do corazón destinado ás mulleres (Mulleres en Vermello Narón), e un curso de cociña para a elaboración de menús saudables.

O presidente da Deputación, Valentín González, gabou a labor que desenvolve a entidade, con diversos programas nos que participaron mais de 1.000 persoas durante o pasado, ano e instou aos representantes da entidade a participar nas liñas de subvencións que a Deputación convoca cada ano destinadas a entidades da provincia que realizan actividades na área de Acción Social.

Asimesmo lembrou que, a través de inciativas como o apoio aos concellos nos programas municipais de envellecemento activo, á contratación de técnicos para as instalacións deportivas municipais e cun ciclo de conferencias que a Deputación organizará próximamente co Colexio de Médicos, a institución provincial “achega tamén o seu gran de area” para colaborar na formación e rehabilitación das persoas afectadas por doenzas cardiovasculares.

I Congreso de Seguridade Viaria Cidade de Narón

González Formoso recibiu tamén esta mañá a Pedro Caneiro, Sonia López e Simón Cabarcos, do Equipo de Educación Vial do Concello de Narón, que presentaron o congreso que se celebrará os días 28 e 29 de maio no auditorio da localidade e no que participarán diferentes especialistas como Francisco Javier Molano, tenente coronel xefe da Garda Civil; Cristina Catalá, da Fundación Española para a seguridade vial; Carlos García Touriñán, director da área de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña; Manuel Otero, aquitecto municipal de Narón, ou Carlos Piñeiro, médico.

Os organizadores esperan que o congreso sirva para “tratar temas que consideramos necesarios dentro da educación e a seguridade viaria, tendo en conta as necesidades e demandas que atopamos neste ámbito”.

O presidente comprometeu o apoio da institución provincial para difundir o simposio e as actividades que realiza o equipo e para “aproveitar, nos concellos da provincia, a ampla experiencia coa que contan no ámbito da educación vial”.

11 de abril de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.