publicidade hoxe

Apróbase o PXOM de Muxía que garante o equilibrio entre as actividades económicas tradicionais e as novas potencialidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuxía
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Muxía

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Muxía

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Muxía, Félix Porto, asinaron esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Muxía, que garante o equilibrio entre as actividades económicas tradicionais e o desenvolvemento de novas potencialidades do territorio, co obxectivo de apostar polo crecemento económico, ao mesmo tempo que se protexe a identidade do concello.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que o PXOM aprobado esta mañá actualiza o planeamento urbanístico vixente en Muxía, moi básico e obsoleto, polo que co novo documento de planeamento contribuirase á mellor defensa e conservación dos valores naturais e ambientais. Tratase dun pan xeral que protexe as zonas máis sensibles e con maior riqueza natural, paisaxística, ambiental e cultural, que en Muxía son moi numerosas, xa que este concello ten parte do seu territorio incluído no Lugar de Importancia Comunitaria da Costa da Morte.

Destacou que o novo plan xeral aposta polo incremento de zonas verdes e incorpora a previsión da nova creación de arredor de 325.000 metros cadrados destes espazos; ao tempo que senta as bases para a mellora do servizo de abastecemento e saneamento de augas para todas as parroquias e todos os veciños. Recordou que é coherente co compromiso da Consellería de ofrecer un servizo da máxima calidade a todos os núcleos de poboación de Galicia que superen os 50 habitantes.

“O Plan xeral de Muxía é o primeiro PXOM actualizado da comarca de Fisterra”, subliñou Beatriz Mato, ao que engadiu que dende a Xunta trabállase coa previsión de que pronto se poidan unir os plan xerais de Fisterra e Dumbría.

Tal e como se ten manifestado en varias ocasións, o reto da Xunta é conseguir que non haxa ningún concello en Galicia sen planeamento de calidade, ao que se lle dará resposta coa nova Lei do solo. Tratase do documento lexislativo máis importante da actual lexislatura, que aporta os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e que poidan contar con el no prazo máis breve posible.

Unha tarefa na que os concellos contan coa colaboración técnica dos responsables e técnicos da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e tamén o apoio económico, xa que só en 2016 se investirán máis de 3,1 millóns de euros en axudas para completar os planeamentos dos concellos, contía que representa un incremento dun 22,6% con respecto ao pasado ano e dun 82%,se a comparación se realiza cos presupostos de 2014.

Engadiu que os planeamentos urbanísticos de calidade, respectuosos e sostibles permiten obter o máximo aproveitamento dos recursos dos concellos reducindo ao mínimo os impactos negativos. E así o veñen facendo desde o ano 2009, 52 concellos galegos que aprobaron o seu planeamento. No 2009 había un total de 33 concellos cun PXOM actualizado e agora xa son 85; o que se traduce un incremento dun 160% nos planeamento actualizados que aportan seguridade xurídica para a dinamización económica e social.

11 de abril de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.