publicidade hoxe

Ánxela Franco visita o proxecto Sementeira de Ordes co fin de buscar vías para a súa continuidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrdes
A-
A+
Ánxela Franco na visita á Sementeira de Ordes

Ánxela Franco na visita á Sementeira de Ordes

A deputada da área de Benestar Social, Educación e Políticas da Igualdade de Xénero visitou o proxecto Sementeira, de Cáritas Ordes, co fin de estudar distintas vías para a súa viabilidade como proxecto social de integración a través do traballo no agro.

A deputada Ánxela Franco reuniuse nas instalacións do proxecto Sementeira co secretario de Cáritas Ordes, Clemente Boo e o párroco Jesús Codesido Ben, nunha xuntanza á que tamén asistiron o alcalde de Ordes, José Luís Martínez e a concelleira de Benestar Social, Susana García Gómez.

A deputada responsábel da área de Benestar Social quixo coñecer de primeira man a complexa situación pola que atravesa o proxecto de integración laboral e social Sementeira para estudar as distintas vías de colaboración que se poden establecer para garantir a súa continuidade. “Trátase dun modelo de grande interese para a loita contra a exclusión social que merece ser apoiado”, sinalou a deputada.

Ánxela Franco visitou distintas dependencias do centro como o armacén de alimentos, o de roupas, o salón parroquial e máis as hortas que completan as infraestruturas deste proxecto con que Cáritas Ordes quere contribuír a eliminar a exclusión social por medio da produción hortícola das familias en precariedade económica. A deputada parabenizou a fórmula creada como estratexia para a integración que fai uso duns terreos cedidos por unha doante particular para seren traballados despois dun plan de formación vinculado a unha bolsa de emprego para saídas laborais. Entre outros problemas, os promotores do proxecto comunicaron diferentes liñas nas que están a traballar como son a posíbel comercialización destes produtos de alta calidade.

Arredor de 30 familias participan nesta iniciativa que pon a súa disposición unha parcela de 7.000 m para traballar.

14 de abril de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.