publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta pon en marcha unha nova iniciativa de formación para impulsar a diversificación do traballo das redeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+
Sol Vázquez na visita ao curso impartido en Corme

Sol Vázquez na visita ao curso impartido en Corme

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe en Corme (Ponteceso) o curso Perfeccionamento de deseño e produción dunha nova colección de complementos e bixutería para redeiras que está a impartir a deseñadora Rosalía Castro.

A iniciativa forma parte do proxecto Enredadas, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar impulsan a diversificación do traballo das redeiras galegas co deseño e produción de novos produtos artesáns.

Con este obxectivo, están planificados xa catro accións formativas organizadas pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Así, o curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda será impartido en Rianxo (A Coruña) polos deseñadores da empresa D-Due Charo Froján e Alfredo Olmedo.

Por outra banda, a deseñadora e directora do estudo Ronan & Erwan Bouroullec de París Montserrat Álvarez impartirá na Guarda (Pontevedra) o curso Perfeccionamento de deseño e produción de novos produtos de bixutería. Por último, o deseñador de produto Juan Ares e a artesá Idoia Cuesta dirixirán o curso Formación para produción de mobiliario da firma Juan Ares Design Marine, no que as redeiras elaborarán diversos prototipos do deseñador galego.

Con estas accións apóstase pola colaboración intersectorial que abre as portas ás artesás redeiras a un mercado que complementa e diversifica o seu labor tradicional. A formación e a colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

26 de abril de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.