publicidade hoxe

A Xunta ofrece formación especializada na Cañiza cun obradoiro de conservación e mellora de montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+
Clausura do obradoiro

Clausura do obradoiro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe no municipio da Cañiza na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego da Paradanta, que permitiu a 20 alumnos e alumnas obter unha formación especializada como auxiliares en conservación e mellora do monte, ao tempo que recibiron nesta especialidade un certificado de profesionalidade que ten validez dentro de todo o territorio nacional.

Alfonso Marnotes subliñou que estes programas mixtos de formación e emprego contribúen a ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas e permiten fixar poboación no ámbito rural. Por iso, os alumnos e alumnas recibiron unha formación de calidade e adaptada ás necesidades do mercado laboral para a zona da Cañiza, realizando traballos de mellora dos espazos públicos. Neste caso concreto, os participantes executaron obras de acondicionamento na marxe esquerda do sendeiro de pescadores do río Rabadil; en fontes, lavadoiros, estradas e pistas de titularidade municipal; e en xardíns e outros espazos públicos.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral recordou que este obradoiro, no que investiu 180.000 euros, recolle un dos eixos prioritarios da Axenda 20 para o Emprego da Xunta, a nova planificación do Goberno galego en materia laboral que impulsa medidas no eido da formación, capacitación e especialización. Entre estas actuacións resalta a creación de Unidades de Formación na empresa con 2 millóns de euros para a especialización e capacitación con compromiso de contratación.

Por último, Alfonso Marnotes indicou que o Goberno galego apoia este ano os obradoiros de emprego con 14 millóns de euros, iniciativas que tamén fomentan a colaboración entre institucións ao realizarse en coordinación cos concellos. Por iso, para rematar, resaltou a importancia de apostar polo emprego e polas persoas con maiores dificultades de acceso a un posto laboral para que “a recuperación económica chegue a todos os fogares galegos”.

1 de abril de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.