publicidade hoxe

A Xunta inviste 103.000 euros na mellora da seguridade viaria na PO-264 e en dúas sendas peonís na PO-244

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
López-Chaves na visita ás obras en Soutomaior

López-Chaves na visita ás obras en Soutomaior

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez, supervisaron esta mañá as obras de mellora da seguridade viaria na PO-264 ao seu paso polo municipio.

Concretamente, a actuación que leva a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consiste na implantación dunha miniglorieta para mellorar a intersección existente no punto quilométrico 3+040 da estrada PO-264 na confluencia coas rúas municipais Calvario e Leiras no núcleo urbano de Arcade. Coa construción de dita miniglorieta emendaranse así os problemas de seguridade viaria tanto para os vehículos coma para os peóns.

Coma puido comprobar o delegado, os traballos comezaron esta mesma semana e contan cun prazo de execución de dous meses. Para levalos a cabo, en primeiro lugar procederase á demolición do illote existente e tramos de beiravía na confluencia cos viais municipais. Realizarase despois o fresado do pavimento existente na zona de actuación para repoñelo con formigón bituminoso en quente. Construirase a miniglorieta con pavimento de formigón e coroa exterior con lastra de formigón para, posteriormente, executar os tramos da nova beiravía que terán un pavimento de baldosa hidráulica ademais de instalar os seus correspondentes bordos. Finalmente, procederase ao pintado da sinalización horizontal e dos pasos de peóns na PO-264 e viais de acceso así coma a colocación das sinais verticais necesarias. O orzamento da obra supera os 43.600 euros.

Tras comprobar o inicio destes traballos, delegado e alcalde, trataron tamén as obras de adaptación de dúas sendas peonís e ciclistas na PO-244. É máis, ambos responsables institucionais desprazáronse ata o lugar da Montesiña para observar unha das dúas zonas onde ten previsto actuar a Xunta de Galicia. Concretamente, a Administración autonómica actuará nun total de 330 metros de dita estrada. Serán dende o punto quilométrico 12+060 ao 12+290 e, por outra banda, dende o p.q. 11+170 a 11+300. Estas dúas actuacións iniciaranse antes do verán e contan cun orzamento aproximado de 60.000 euros.

En definitiva, e coma recalcou o delegado, “trátase de actuacións de mellora da seguridade viaria dirixidas a peóns e vehículos” no municipio de Soutomaior onde se investirá en total máis de 103.000 euros.

7 de abril de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.