publicidade hoxe

A Xunta investirá 8,7 millóns de euros na execución de 5 novas sendas na comarca do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación do Plan de Sendas en Vilanova

Ethel Vázquez na presentación do Plan de Sendas en Vilanova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, presentou hoxe o Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, onde se levarán a cabo 5 novas sendas, de 16,7 quilómetros de lonxitude e que contarán cun investimento de 8,7 M€. Nunha primeira fase, executaranse actuacións tan importantes como as dúas sendas que se van facer na PO-308.

Vázquez remarcou que “no verán teremos redactados os proxectos destas sendas da comarca do Salnés, para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo”. “En definitiva, tratamos de que os veciños da comarca do Salnés e da súa contorna poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais”.

A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico subliñou tamén estas actuacións están dentro dun Plan global, planificado con diálogo e que ten os fondos consignados e, polo tanto, garantida a súa execución

Grazas a estas sendas acadaranse beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o noso medio natural, con menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

As accións iniciais corresponden ás senda entre O Covelo e Raxó, moi demandada polos veciños da zona, e que permitirá facer este itinerario a pé dun xeito seguro; e a que vai de Portonovo á Lanzada, de preto de 9 quilómetros lonxitude, que se desenvolverá en distintas fases, a primeira delas xa adxudicada.

A conselleira de Infraestruturas aclarou que “estes itinerarios habilitaranse para peóns e ciclistas e suporán unha importante mellora na seguridade viaria, o que incidirá positivamente na economía local, xa que significará un forte pulo para o turismo da zona, e redundará tamén nunha mellora do medio ambiente”.

Na actualidade, Ethel Vázquez explicou que “xa están rematados os estudos nas sete comarcas galegas e estase xa a encargar a redacción dos proxectos que permitirán executar as obras nos distintos treitos de sendas que se cualificaron como prioritarios”. No caso concreto desta comarca, “existen vías nas que os traballo xa está bastante avanzado é o caso da senda na PO-306, entre Vilanova de Arousa e a Ponte da Illa de Arousa, na que xa comezaron as obras”.

“Este itinerario peonil e ciclista permitirá unir os núcleos de poboación de Vilanova e a Illa, zonas de grande atracción turística e cunha ampla oferta de servizos como praias, cámpings e zonas deportivas”, destacou. Tamén se licitou un treito da senda que se executará na PO-308, entre Soutullo e A Lanzada, no que nos vindeiros días, comezaranse xa as obras.

A responsable de Infraestruturas do Goberno galego subliñou que “xa estamos a traballar nos proxectos, polo que nas vindeiras datas os técnicos contactarán cos alcaldes ou cos concelleiros dos distintos municipios para concretar os proxectos das sendas e avanzar nos detalles técnicos”.

Nunha primeira fase en Galicia acometeranse 55 novas sendas e un total 75 quilómetros para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 M€, sen ter en conta a valoración das expropiacións, progresivamente, continuarase avanzando nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas peonís e para bici que hai planificados en toda Galicia.

Plan de Sendas de Galicia

O Plan de Sendas de Galicia, que se aprobou o pasado 10 de marzo no Consello da Xunta, e que concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios -peonís e para bicis- seguros, sostibles e integrados na paisaxe. Este Plan de Sendas enmárcase no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que se aprobou no mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas.

Así mesmo, alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

Este Plan protexer e incrementa a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Na Xunta, trabállase para reforzar a seguridade das estradas, unha materia absolutamente prioritaria para o Executivo autonómico, porque se trata da vida e da integridade das persoas.

Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro, promovendo sendas útiles e saudables.

Este Plan parte dunha análise global do territorio de toda a Comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como a situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

É un plan que identifica aqueles treitos que teñen un maior potencial para os desprazamentos máis habituais de peóns e ciclistas, e que carecen da infraestrutura axeitada, unindo núcleos con equipamentos e que está programado no tempo, por canto establece un cronograma de traballos e recolle intervencións a desenvolver en distintas fases, priorizando os traballos en sete comarcas galegas.

Ten en conta factores e criterios medibles e obxectivos e é un plan coordinado e froito do diálogo, porque na súa elaboración contouse coa opinión dos concellos, para determinar as actuacións máis necesarias e axeitadas en cada zona, de acordo coa distribución xeográfica das estradas e dos equipamentos máis frecuentados e o máis importante, e que, ademais, ten os fondos garantidos.

19 de abril de 2016 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.