publicidade hoxe

A Xunta investirá 280.000 euros en renovar as infraestruturas da Avenida da Deputación no Barco de Valdeorras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Barco de Valdeorras
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde do Barco de Valdeorras

Beatriz Mato na reunión co alcalde do Barco de Valdeorras

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá entre este ano e o próximo 280.000 euros na renovación de infraestruturas da Avenida da Deputación, no Barco de Valdeorras. Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o rexedor da localidade, Alfredo García.

En concreto, os traballos realizaranse no tramo comprendido entre a rúa da Constitución e o pontón sobre o arroio de Veigadecabo. Recentemente, efectuouse a renovación no tramo que vai desde a rúa A Veiguiña ata a rúa da Constitución, polo que quedaba pendente de renovación o treito restante.

Dado que as infraestruturas de saneamento e abastecemento son bastante antigas, unha das principais actuacións pasará pola súa renovación. Deste xeito, substituirase o colector de saneamento existente, e efectuarase un cambio da tubaxe da rede xeral de abastecemento. Ademais, soterrarase a rede de alumeado público, que actualmente está cosida ás fachadas.

Como consecuencia da renovación das infraestruturas indicadas, será necesario a demolición do pavimento actual. Polo tanto, procederase a realizar unha mellora de todo o firme, incrementando o seu espesor e construiranse novas beirarrúas similares ás existentes na zona.

Plan hurbe

O convenio asinado hoxe inscríbese no Plan hurbe, que o Goberno galego puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial. Para cumprir estas metas, o Plan inclúe tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos público, especialmente referidos a aqueles de carácter cultural e social.

Desde a súa posta en marcha en 2010, o hurbe ten posibilitado a realización de 105 actuacións en 67 concellos, grazas a un investimento total de 112 millóns de euros. Preto do 50% destas actuacións, corresponden á provincia de Ourense e delas beneficiáronse 28 municipios ourensáns.

27 de abril de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.