publicidade hoxe

A Xunta iniciará no verán as obras de reforzo do firme da travesía de Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+
Ethel Vázquez na xuntanza coa alcaldesa de Mondoñedo

Ethel Vázquez na xuntanza coa alcaldesa de Mondoñedo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, á que lle trasladou que o Goberno galego iniciará no verán as obras de reforzo de firme na travesía da LU-124, a estrada que vai a Vilameá, coa fin de incrementar a seguridade viaria.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio da contratación destas actuacións nas que a Xunta investirá máis de 154.000 euros. O prazo para a presentación de ofertas para a execución deste proxecto rematará o vindeiro 16 de maio.

Trátase da rehabilitación da capa de rodadura da travesía da LU-124, ao longo de 1,3 km, unha vía que inclúe a Avenida de Bos Aires e a rúa de Santo Antonio.

A conselleira explicou que a actuación busca ofrecer unha maior comodidade nos desprazamentos a todos os usuarios que circulan por esta vía, que rexistra un tráfico local, de curto e medio percorrido.

O proxecto recollida o fresado e reposición do firme, así como ao repintado da sinalización horizontal e a substitución da sinalización vertical en mal estado. Tamén se construirá unha senda peonil de 2 metros de ancho no treito inicial da travesía, que actualmente carece de beirarrúas, atendendo así á demanda trasladada polo concello. Esta senda ao longo de case 300 metros, pola marxe esquerda, estará separada da calzada e executarase sobre os terreos existentes na marxe da estrada, polo que non serán necesarias expropiacións.

Esta intervención na travesía de Mondoñedo forma parte dun contrato máis amplo que recolle actuacións noutras tres travesías dos concellos de Rábade, de Meira e de Cospeito. Neste sentido, a titular de Infraestruturas concretou que hoxe comeza a contratación de obras de reforzo de firme en 4 travesías da provincia de Lugo nas que se investirán arredor de 500.000 euros.

Cómpre lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda tamén rematou a finais do ano pasado as obras de rehabilitación do firme e ampliación da estrada Mondoñedo-Vilameá (LU-124), coa que se mellora o acceso dos veciños de Mondoñedo tanto cara a A-8. Nesta actuación levouse a cabo a rehabilitación do firme no treito interurbano desde Mondoñedo ata Lindín. Estas acción supuxeron un investimento de 770.000 euros, e foi cofinanciada nun 80 % con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Ethel Vázquez recordou que no caso concreto de Mondoñedo, os traballos hoxe licitados sumaranse a outra importante intervención como a mellora da estrada LU-124 entre Lindín e Cruz da Cancela, que este luns iniciaba o proceso de información pública. O Goberno galego investirá case 1,7 millóns de euros nesta actuación que busca incrementar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos nesta vía de acceso á A-8 desde os municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.

20 de abril de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.