publicidade hoxe

A Xunta comezará as obras no segundo treito da autovía do Morrazo en verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+
Europa Press
Ethel Vázquez na supervisión das obras

Ethel Vázquez na supervisión das obras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras no primeiro tramo da autovía do Morrazo, entre Rande e o enlace de Domaio, que avanzan segundo o previsto e estarán en plena execución este ano. Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, concretou que este verán tamén se iniciarán as actuacións no segundo tramo, entre Domaio e Meira, e indicou que este ano haberá avances no terceiro, entre o enlace de Meira e o primeiro de Cangas.

As actuacións no primeiro tramo, ao longo de 3,2 km, que comezaron no pasado mes de outubro, teñen un investimento de arredor de 20 millóns de euros. Neste intervalo xa se procedeu á roza, estase a realizar o movemento de terras e autorizouse o proxecto arqueolóxico, que recolle medidas de especial protección para minimizar a afección aos restos arqueolóxicos existentes na zona onde se acometerá o túnel de Montealegre. Actualmente están a traballar nesta infraestrutura 32 persoas e 9 máquinas: 2 equipos no movemento de terras; 1 equipo nas obras de drenaxe; e o outro na execución dos servizos afectados.

A conselleira avanzou que paralelamente, desde a Xunta continúanse dando os pasos necesarios para avanzar no calendario previsto para os outros dous tramos desta infraestrutura. Concretou que isto é posible grazas aos case 18 millóns de euros consignados nos Orzamentos da Xunta deste ano, sendo a Autovía do Morrazo a actuación que absorbe a maior dotación orzamentaria en infraestruturas en 2016.

Vázquez explicou que no que respecta ao segundo treito, desde o enlace de Domaio ata o de Meira, nos vindeiros días procederase á adxudicación, o que permitirá iniciar os traballos correspondentes este mesmo ano, tal e como se comprometeu.

No Goberno galego tamén se está a traballar na redacción do proxecto construtivo do treito terceiro, entre o enlace de Meira e o 1º enlace de Cangas. A entrega do proxecto por parte do equipo redactor está prevista para o mes de xullo, o que permitirá, a continuación, proceder á súa supervisión.

A titular de Infraestruturas fixo fincapé no esforzo intenso que está a levar a cabo a Xunta para dotar a esta comarca dunha autovía libre de peaxe que aumentará a capacidade do corredor actual, redundará en maior seguridade viaria, incrementará a calidade de vida dos veciños e o dinamismo económico da zona.

26 de abril de 2016 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.