publicidade hoxe

A Xunta apoia en Lalín o obradoiro ‘Pazo de Liñares’ que forma a persoas sen emprego e fixa poboación no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Lalín na entrega de diplomas do obradoiro de emprego Pazo de Liñares no que 19 alumnos e alumnas formáronse e obtiveron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado nas especialidades de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e Colocación de pedra natural. Ao mesmo tempo, os participantes accederon a un emprego a través do que construíron un aparcadoiro e levaron a cabo a súa integración paisaxística no contorno do Pazo de Liñares.

O programa mixto de formación e emprego, no que a Xunta investiu preto de 170.000 euros, levouse a cabo en coordinación co Concello de Lalín.

Marnotes apostou por este tipo de iniciativas que amplían as oportunidades laborais das persoas desempregadas, ao tempo que contribúen a fixar poboación no rural. Así mesmo, salientou a importancia da formación e aprendizaxe, xa que indicou que “apostar pola cualificación é apostar pola creación de empregos estables e de calidade e por novas oportunidades de traballo”.

Axenda para o Emprego

Subliñou, neste senso, que a Axenda 20 para o Emprego apoia precisamente estes dous eidos con medidas como o Programa Aprol con preto de 68 millóns de euros para incentivos á contratación dos colectivos máis desfavorecidos, as lanzadeiras de emprego para promover o emprendemento con 7 millóns e a creación de Unidades de Formación na Empresa para impulsar con 2 millóns de euros a especialización e capacitación con compromiso de contratación.

“O compromiso do Goberno galego é facilitar unha maior inserción laboral das persoas desempregadas e que a recuperación económica chegue a todos os fogares de Galicia”, apuntou.

Por último, Marnotes explicou que outras das vantaxes dos obradoiros é o fomento da colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación cos concellos. Por todas as vantaxes que ofrecen estas actuacións, o director xeral apuntou que o Goberno galego continúa coa súa aposta polos obradoiros de emprego destinando este ano 14 millóns de euros.

5 de abril de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.