publicidade hoxe

A Xunta amplía o perímetro de protección do acuífero termal de Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de autorizar a ampliación do perímetro de protección para a conservación do acuífero do que se abastecen os mananciais e pozos de augas mineromedicinais e termais declarados de utilidade pública no Concello de Caldas de Reis, cuxo aproveitamento teñen recoñecido os balnearios Acuña e Dávila, así como a Fonte das Burgas para uso do pobo. Presérvase deste xeito un recurso clave para a economía local para que siga creando riqueza e emprego no municipio, garantindo a conservación en calidade e cantidade de todas as augas que proceden do acuífero e evitando as filtracións e a chegada de contaminantes.

Ata a data, cada un dos balnearios tiña un perímetro de protección diferente constituído por un cuadrilátero de 32 hectáreas cada un (64 en total) e cun lado común. A resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas establece a unificación nun único perímetro de protección, tendo en conta que as augas mineromedicinais e termais que se aproveitan polos dous balnearios e a que sae da fonte de uso público proveñen do mesmo acuífero.

O novo perímetro queda conformado por tres áreas nas que se establecen diferentes niveis de protección, denominadas de restricións máximas (que se refire unicamente ao terreo das captacións e as súas instalacións asociadas), de restricións medias e de restricións mínimas. A nova zona de restricións medias, asimilable en canto ás limitacións que se establecen aos perímetros que existían ata o de agora, comprende unha superficie de 855 hectáreas.

Co obxectivo de garantir a conservación do acuífero, calquera traballo subterráneo que se realice dentro do perímetro de protección deberá contar previamente coa autorización da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nas zonas de restrición media e mínima establécense tamén determinadas limitacións relacionadas con actividades concretas como as relacionadas con residuos perigosos, residuos urbanos ou municipais, ou o almacenamento de residuos radioactivos ou verteduras de almacenamentos profundos, sen que isto afecte ao desenvolvemento doutro tipo de actividades.

1 de abril de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.