publicidade hoxe

‘A viaxe de Rosalía’ chega a Santa Comba no marco do ‘FalaRedes 2016’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSanta Comba
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación programa unha nova actividade para esta fin de semana no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O concello de Santa Comba será nesta ocasión o anfitrión de ‘A viaxe de Rosalía’, o espectáculo que, desde a súa presentación o pasado mes de febreiro, subiu semana a semana aos escenarios de moitos outros concellos logrando o favor do público en cada ocasión.

Será no Edificio Multiúsos da localidade coruñesa ás 18:00 horas do domingo 17 de abril. E, como en cada actuación, a actriz Larraitz Urruzola é a encargada de darlle vida aos monicreques para renderlle homenaxe á nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro. Enriba das táboas, a peza combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e a música, amosándonos a vida e a personalidade de Rosalía.

O fío condutor da peza lévao o personaxe de Francisca do Campo, madriña de Rosalía, quen nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas. Hai que salientar ademais desta proposta o esforzo por amosarnos esa Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. Narración e versos combínanse nun espectáculo moi didáctico que non defrauda a ninguén e que seguirá no FalaRedes durante estes meses de abril e maio.

Próximas paradas: Arteixo, Xinzo de Limia, Soutomaior e Vilamarín

Os monicreques de ‘A Viaxe de Rosalía’ estarán de novo no escenario a próxima fin de semana. Neste caso será no concello ourensán de Vilamarín, onde o Auditorio Municipal acollerá a actuación de Larraitz Urruzola o sábado 23 de abril ás 19:00 horas.

E quen axitará con forza os escenarios esa fin de semana será a tropa de ‘Xente miúda, moita fartura’, que despregará a súa maxia musical en ata tres ocasións durante a fin de semana. A primeira en Arteixo durante a mañá do sábado 23 (Auditorio do Centro Cívico, ás 12:00 horas), e posteriormente, o domingo 24 pola mañá en Xinzo de Limia (ás 12:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura) e pola tarde en Soutomaior (ás 19:00 horas, no Multiúsos de Arcade).

Por outro lado, Uxía e Magín Blanco retomarán a súa actividade no ‘FalaRedes’ a finial de mes, cun concerto o sábado 30 de abril na capital galega para acompañar as familias no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 18:00 horas. E a partir de aí terán unha intensa primavera sumando ata unha decena de actuacións nos meses de maio e xuño.

As tres actividades continuarán a súa viaxe pola RDL deica o mes de xuño por diferentes concellos. O calendario de propostas e toda a información sobre a quinta edición do programa está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

14 de abril de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.