publicidade hoxe

A suba das exportacións do 7,4% en febreiro deixa constancia do pulo internacional das empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Francisco Conde na xornada de Aemos

Francisco Conde na xornada de Aemos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou este mediodía nunha xornada de negocios organizada pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) que os bos datos das exportacións publicados hoxe demostran que “Galicia está no bo camiño” cara ao crecemento.

Así, Conde lembrou que as vendas ao exterior da comunidade medraron en febreiro un 7,4% con respecto ao mesmo mesmo mes do ano pasado, 4,7 puntos por riba da media estatal, e que no que vai de ano a suba é do 7%, 4,6 puntos por riba do conxunto de España. Por sectores, destacan os crecementos do 50% no téxtil con respecto a febreiro de 2015; do 27% en conservas de peixe ou do 31% en produtos metalúrxicos.

Sinalou o conselleiro que estas cifras seguen a tendencia do 2015, ano no que Galicia bateu unha vez máis o seu récord, marcando o que é xa desde 2013 o seu mellor ciclo exportador. Apuntando a outros datos como a cifra de negocio na industria, que se incrementa nun 5,4% en febreiro, ou o investimento foráneo produtivo, que creceu un 60% o ano pasado na comunidade, Conde sinalou que Galicia está dando os pasos axeitados. Para seguir avanzando neste camiño subliñou que o Goberno galego está volcado en acompañar tanto ás empresas galegas que queiran seguir medrando como ás empresas de fóra que aposten por Galicia.

No encontro organizado polos empresarios mosenses, centrado tanto en fortalecer as redes de contacto das empresas e o intercambio de experiencias como en atraer novos investimentos ao Parque Empresarial de Mos (Pemos), en Veigadaña, o responsable de Economía, Emprego e Industria fixo mención a medidas como a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020; o programa Galicia Inviste, dotado con 12 millóns de euros e con axudas de ata o 35%, ou o Galicia 1000, que incorpora diferentes instrumentos de financiamento entre os que se atopan os préstamos BEI ou os fondos de Xegalicia.

Do mesmo xeito, tamén apuntou ás diferentes iniciativas centradas en captar investimentos innovadores, como a Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, para atraer proxectos de máis de 50 millóns de euros en fábrica intelixente promovidos por grandes empresas, ou o programa de Unidades Mixtas, para a captación de capital privado para a I+D+i galega, no cal xa se puxeron en marcha 19 iniciativas como a que impulsan en Mos o grupo Copo e Aimen, centrado na procura de novos materiais e da diversificación da industria auxiliar da automoción.

O conselleiro fixo mención tamén á simplificación administrativa como outro dos eixos nos que traballa a Xunta para reforzar a competitividade, coa supresión con carácter xeral das licenzas de obra e actividade; co decreto para facilitar a apertura de novas estacións de servizo ou coa nova oficina Doing Business, un mecanismo pioneiro co que se busca identificar as barreiras burocráticas e as posibles propostas para superalas.

Neste contexto, Francisco Conde salientou que Mos, que xa é sede de empresas punteiras, “ten moito que dicir” no crecemento, resaltando que Pemos se beneficia de xeito especial das distintas iniciativas impulsadas pola Consellería de Infraestruturas para falicitar o acceso ao solo industrial, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

21 de abril de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.