publicidade hoxe

A nova ITV de Nigrán contribúe a impulsar a competitividade empresarial no polígono de Porto do Molle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a nova ITV de Nigrán contribuirá a mellorar a prestación do servizo aos residentes na zona de Val Miñor, así como a impulsar a competitividade no polígono empresarial de Porto do Molle.

Conde asegurou que a nova unidade de control e inspección de vehículos vai supoñer un aforro de tempo e diñeiro nos desprazamentos aos veciños e veciñas desta comarca. Así, a nova instalación dará servizo ás arredor de 44.000 persoas residentes no entorno da estación de Nigrán e que ata agora tiñan que desprazarse a Vigo ou ao Porriño para realizar os correspondentes controis nos seus vehículos.

Cun investimento de 2 millóns de euros por parte da empresa Supervisión y Control, a ITV de Porto do Molle creará 8 postos de traballo e terá unha capacidade máxima inicial de 40.000 inspecciones ao ano, unha cifra que medrará en anos próximos ata superar as 50.000. O recinto conta con tres liñas de inspección: unha para automóbiles lixeiros e dúas máis para todo tipo de vehículos. Ademais, o conselleiro destacou que a ITV de Nigrán aposta pola innovación, co emprego de tablets, sistemas de comunicación avanzados e probas de freado que simulan condicións reais de circulación. Deste xeito, facilítase o traballo do persoal, ao tempo que se mellora a atención dos clientes.

O conselleiro agradeceu o labor da empresa para aumentar a súa rede de ITV en Galicia, que alcanza coa de Nigrán as 34 estacións (24 fixas e 10 móbiles), que dan emprego a preto de 500 persoas. Conde recordou que a estas instalacións de control de vehículos sumaranse dúas máis, as do polígono da Sionlla en Santiago e O Carballiño.

O orzamento final realizado pola empresa para o período 2010-2016 chegará a preto de 9,5 millóns de euros. Deste xeito, garántese un mellor control do parque móbil, garantindo a seguridade e respecto ao medio ambiente, ao tempo que se impulsa a competitividade empresarial.

O proxecto suma de cara a conseguir os obxectivos marcados polo Goberno galego na Axenda da Competitividade de Galicia-Industria 4.0, que aposta pola modernización do sector e fixar tecido empresarial na comunidade co obxectivo de que, en 2020, a actividade industrial represente o 20% do PIB galego e se creen 50.000 novos empregos.

25 de abril de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.