publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Garda Civil incáutase de 218 plantas de marihuana nun alpendre no Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO RosalSucesos
A-
A+
Europa Press

Axentes da Garda Civil desmantelaron unha nova plantación de marihuana no sur da provincia de Pontevedra, tras incautarse de máis de 200 plantas que atopaba nun alpendre dunha vivenda do Rosal.

Segundo sinalou o Instituto Armado, a localización da plantación produciuse grazas á denuncia da dona da casa, quen informou a Garda Civil da existencia de 25 macetas nun alpendre anexo á vivenda. Ao comprobar o resto de dependencias, os axentes atoparon outras 193 plantas nun habitáculo pechado con chave.

Nese habitáculo instaláranse os medios necesarios para o cultivo da marihuana: rede eléctrica con oito lámpadas de 600 watios, sistema de ventilación e controis de humidade e temperatura. Ademais desa instalación, valorada nuns 6.000 euros, localizáronse tamén abonos, fertilizantes e ferramentas.

A Garda Civil considera que o exmarido da dona da casa é o responsable da plantación, polo que está sendo investigado por un suposto delito contra a saúde pública, e un de defraudación de fluído eléctrico, xa que a enerxía que subministraba ao ‘invernadoiro’ procedía da rede pública.

As plantas e materiais intervidos, así como as dilixencias practicadas, serán postas en coñecemento do xulgado de Tui.

Fai algo máis dunha semana, a Garda Civil tamén desmantelou unha macroplantación de marihuana en O Porriño. Nese caso, interviñéronse máis de 3.000 plantas e material valorado en 30.000 euros, e practicáronse tres detencións.

28 de abril de 2016 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.