publicidade hoxe

A exposición itinerante “Mulleres en acción: violencia zero” chega a Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na inauguración da exposición

Carmela Silva na inauguración da exposición

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, inauguraron hoxe, no concello de Deza, a mostra itinerante “Mulleres en acción: violencia zero”, nun acto que contou coa participación do profesorado e o alumnado de centros educativos do municipio.

A exposición mostra o proxecto artístico de loita contra a violencia machista, que a Deputación promoveu o pasado 25 de novembro, a través da obra das dez artistas que interviñeron no programa de acción contemporánea levado a cabo no espazo público de dez concellos da provincia, entre os que se atopa Lalín. Esta mostra itinerante percorre os municipios nos que se desenvolveu o proxecto co obxectivo de reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país e, por extensión, no mundo.

A presidenta da Deputación incidiu, na súa intervención, na traxedia da violencia de xénero. Carmela Silva lembrou que, cada ano, arredor de 60 mulleres son asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. “Unha sociedade que quere ser igualitaria e feliz non pode consentilo. Hai que comprometerse e educarse en igualdade e temos que facelo todas e todos”. Silva agradeceulle expresamente ao alcalde de Lalín a súa resposta. “O alcalde é un deses homes que está ao lado das mulleres. Por iso quero agradecerlle, de forma moi especial, o seu compromiso e, sobre todo, que neste acto de inauguración contase cos centros educativos, porque só erradicaremos a lacra da violencia cando se traballa en igualdade no ámbito da educación, coma unha tarefa global”

Artistas coma Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de dar corpo a “Mulleres en acción: violencia zero”. Os resultados das súas performances xa se mostraron en Tomiño e poderán verse, a partir de hoxe, en Lalín. En maio chegarán a Tui, en xuño a Moaña, en xullo a Redondela, en agosto a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Caldas de Reis e, finalmente, en novembro a Vigo.

7 de abril de 2016 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.