publicidade hoxe

A Evega organiza en Ribadumia un obradoiro práctico sobre análise sensorial no viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organizou para mañá martes, día 26, un obradoiro práctico sobre análise sensorial no viño, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a Asociación Galega de Enólogos e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Terá lugar na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), dependente da Evega.

Neste obradoiro práctico os asistentes poderán coñecer os procesos de adestramento do olfacto e o gusto a través do recoñecemento de olores e sabores básicos e a realización de probas específicas.

Así mesmo, aprenderán a detectar o limiar de percepción de cada substancia en valoración. O obradoiro rematará coa cata e identificación dun viño branco e un tinto de cada unha das cinco denominacións de orixe de viños de Galicia.

Este obradoiro está dirixido principalmente aos estudantes de Formación profesional dos ciclos de Elaboración de aceites e viño dos IES Ramón Cabanillas (Cambados) e Ribeiro (Ribadavia) e completará a formación destes futuros profesionais do sector.

25 de abril de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.