publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Escola de Turismo itinerante organiza dúas xornadas en Sarria dentro do programa de profesionalización no Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

A Escola de Turismo itinerante organiza en Sarria dúas xornadas formativas para propietarios e persoal de albergues públicos e privados e de aloxamentos turísticos situados nas rutas Xacobeas, dentro dun programa de profesionalización no Camiño de Santiago.

A iniciativa foi presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo pola delegada territorial, Raquel Arias, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, do que depende a escola itinerante.

Trátase de catro accións formativas que xiran en torno á atención, información e servizo ao peregrino, a xestión do departamento de recepción e a utilización das novas tecnoloxías.

Segundo se resaltou durante a presentación, o obxectivo é mellorar o servizo e a calidade na acollida aos peregrinos nos aloxamentos turísticos, incrementar o posicionamento na rede e dar a coñecer a plataforma Smart Camiño; en definitiva, mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia.

Os representantes da Xunta destacaron que a formación é un piar fundamental no desenvolvemento dun sector tan variable como o turístico, que cada día se actualiza e redimensiona, de aí que Turismo de Galicia aposte por un tecido empresarial formado e competitivo e impulse numerosas iniciativas a prol da formación e o asesoramento. Nesta liña incide especialmente o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia no pasado outono.

A primeira xornada en Sarria celebrarase o día 13 de abril. O primeiro curso dará comezo ás 9.00 horas e versará sobre a xestión do departamento de recepción en aloxamentos do Camiño; a partir das 11.00 celebrarase outro curso baixo o título “Pon o teu albergue no mapa: Smart Camiño”, no que se darán pautas para introducir o establecemento nas redes sociais, estar presentes nas plataformas dixitais e nos portais do Camiño de Santiago.

O día 11 de maio haberá outra xornada con dúas accións formativas. A primeira, ás 9.00 horas, sobre atención, información e servizo ao peregrino en aloxamentos do Camiño, e a segunda -dende as 11.00 horas- sobre “A propina do peregrino nas redes sociais”, ou como coñecer o impacto dun bo ou mal servizo en internet e xestionar os comentarios que deixan os peregrinos nas redes.

Ambas xornadas terán lugar no albergue A casa de Carmen, e os interesados poden inscribirse a través da web do Centro Superior de Hostalería de Galicia (cshg.es) ou chamando ao teléfono 981 542 592. O prazo para anotarse á primeira das xornadas estará aberto ata o próximo luns.

Accións similares ás descritas terán continuidade nas vilas de Melide e Cee e na cidade de Santiago de Compostela tamén ao longo deste mes de abril. E posteriormente, nos meses de outubro e novembro, está prevista a realización de novas accións da Escola de Turismo Itinerante en Sarria, Melide, Cee e Fisterra, dedicadas á restauración e gastronomía no Camiño de Santiago.

A Escola de Turismo itinerante é unha das iniciativas postas en marcha pola Xunta para formar e asesorar aos axentes turísticos de Galicia, posibilitando o acceso á formación de todas as empresas e ofrecendo unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e o seu entorno.

Neste contexto cabe enmarcar tamén o plan de formación para empresas hostaleiras que xestionou ao longo do 2015 en xeodestinos como a Ribeira Sacra, Costa da Morte, Arousa Norte, Muros-Noia ou a Mariña Lucense e a D.O. Valdeorras.

7 de abril de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.