publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación realizará unha proposta de reordenación global da mobilidade na Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+

A Deputación realizará unha proposta de reordenación global da mobilidade na Illa de Arousa para acometer despois melloras nas vías provinciais dentro do municipio. Así o indicou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, nunha reunión co alcalde, Carlos Iglesias Cores. “Dende a Deputación queremos apostar pola calidade urbana e as vías provinciais son as que vertebran e articulan o territorio da Illa. Queremos facer actuacións que melloren a mobilidade e agardamos chegar a un acordo co Concello, porque A Illa de Arousa ten grandes posibilidades para mellorar os tránsitos peonís e a calidade urbana e de vida dos seus veciños”, subliñou Mosquera.

O vicepresidente lembrou que o Concello da Illa de Arousa xa foi pioneiro na implantación de zonas 30 para a regulación do tráfico. Neste sentido indicou que “teño a esperanza de que o Concello tome a iniciativa agora e dea un salto adiante en mobilidade urbana, xa que hai situacións insostibles coma a das rúas Castelao ou Valle-Inclán, nas que se manteñen varias direccións para o tráfico, obrigando os peóns a transitar pola calzada”, dixo. Neste sentido, o nacionalista subliñou que sería necesaria unha reurbanización das vías e lembroulle ao alcalde que recentemente se aprobou no Pleno da Corporación provincial un decálogo de criterios de actuación. Nel recóllese a aposta por mellorar a accesibilidade e dar prioridade aos tránsitos peonís, así como as condicións económicas para facelo. A Deputación achegaría o 60 % do custo e o Concello o 40 %. Despois as estradas serían transferidas. “Hoxe en día hai moitísimo coñecemento sobre o que se pode facer e o que funciona. Nós podemos facer unha proposta de mobilidade, pero á hora de actuar queremos estar sempre en consonancia co que queira o Concello, pois os seus representantes son os que foron elixidos polos veciños. A Illa de Arousa é unha ‘pera en doce’, un lugar no que se poden facer marabillas”, asegurou.

Con esta proposta sobre a mesa o alcalde da Illa comprometeuse a estudar a reurbanización, a conseguir os terreos precisos, así como as posibles ordenacións do tráfico das vías afectadas no caso de reducir o número de carrís de circulación ou instalar plataformas únicas. “As condicións físicas da Illa limitan moito as actuacións, con vías estreitas e pequenas. Hai que artellar un plan de mobilidade xeral para poder comezar polas vías provinciais e logo estendelo ás demais”, destacou.

Mosquera lembrou que, ao abeiro do Plan MOVESE, o Goberno local solicitou a implantación de zonas 30, a mellora de accesibilidade, a dotación de beirarrúas, así como a instalación de nova sinalización no treito que coincide coa zona escolar. Nese punto existe, a día de hoxe, unha glorieta que non funciona pola súa localización, xa que non é respectada polos condutores, creando situacións de perigo para os rapaces e as rapazas que a diario transitan polo contorno. O vicepresidente destacou que dentro desa proposta de reordenación viaria que fará a Deputación se poderá incluír unha solución ao problema.

O concello da Illa de Arousa conta con tres vías provinciais: a EP-9801, entre a ponte e Laxes (avenida da Estación); a EP-9802, coñecida coma estrada das Aceñas; e a EP-9803, entre o embarcadoiro e o Concello (rúas Cabodeiro, Castelao e Valle Inclán). En total suman preto de catro quilómetros de estradas que teñen un importante tránsito peonil que aumenta no verán coa chegada dos visitantes.

26 de abril de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.