publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra acolle a presentación da LIII Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadavia
A-
A+
Presentación da Feira do Viño do Ribeiro

Presentación da Feira do Viño do Ribeiro

O Pazo provincial da Deputación foi o escenario elixido por Ribadavia para a presentación da LIII edición da Feira do Viño do Ribeiro, declarada de interese turístico nacional, que terá lugar entre o 29 de abril e 1 de maio. No acto de presentación da feira, no que participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, a deputada provincial Digna Rivas, o concelleiro de Cultura e Turismo de Redondela, Xabier Alonso, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira Freijido, e o presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, Enrique Lago, deuse a coñecer a colaboración conxunta, por vez primeira, entre Ribadavia e Redondela para promover os seus principais embaixadores: o Ribeiro e o choco, sendo este último o principal protagonista dos showcookings que se desenvolverán con motivo da Feira do Viño de Ribadavia, e o Ribeiro o principal acompañante do choco que se degustará con motivo da festa de Redondela.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “as deputacións teñen que ser nexos de unión que permitan que se xeren sinerxías intramunicipais. De aí a importancia desta presentación da Feira do Viño do Ribeiro, por ser un exemplo da unión entre municipios, neste caso Ribadavia e Redondela, que, a través dos seus principais produtos, reverterá economicamente en ambos os concellos”.

Silva deu a coñecer que a denominación de orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, recordando que “xa as ordenanzas municipais de Ribadavia de 1594, recoñecidas pola Organización Mundial da Propiedade Intelectual como os primeiros indicios de protección dunha indicación xeográfica no dereito español, determinaban os lugares que podían producir e vender viño Ribeiro”. A presidenta da Deputación repasou tamén a traxectoria histórica milenaria do Ribeiro, desde o testemuño de Estrabón na segunda metade do século II a. C. ao traslado do viño polos romanos ás mesas dos emperadores, á exportación comercial por Europa a cargo dos xudeus, á viaxe de pipas de Ribeiro cara a América desde o porto de Ferrol, da que hai constancia documental desde 1592, ou á inclusión deste viño en obras de Cervantes.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, destacou que este ano a feira contará coa maior oferta de produtos dos últimos anos, xa que participarán 11 adegas e 29 colleiteiros adscritos á denominación de orixe, e aproveitou a ocasión para dar a coñecer o programa de festexos, que inclúe sesións gastronómicas, catas, monólogos humorísticos, zonas de lecer para as e os máis pequenas e pequenos, cociñas con viño, visitas guiadas, actuacións musicais, food trucks, espectáculos de maxia, etc.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira, fixo fincapé na historia da Feira do Viño do Ribeiro, unha das máis antigas de Galicia, e na importancia que esta ten para o viño “por ser a posta de largo da colleita do 2015”.

No caso de Redondela o concelleiro de Cultura e Turismo, Xabier Alonso, deu a coñecer a relación entre a zona de Redondela e Ribadavia, xa que “Pedro Madruga foi bautizado como tal aos pes do castelo de Ribadavia” e enxalzou as características diferenciais do choco da enseada de San Simón, “que conseguiu ser etiquetado como choco de Redondela”. Ademais, destacou que a Festa do Choco, que este ano se celebra entre o 7 e o 8 de maio e naceu vinculada á Asociación de Empresarios de Redondela, cumpre este ano 30 anos.

20 de abril de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.