publicidade hoxe

A Deputación de Ourense presenta o concerto de Iván Ferreiro que se inclúe no programa da ICC Week 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseOurense
A-
A+
Presentación do concerto de Iván Ferreiro

Presentación do concerto de Iván Ferreiro

O cantante e compositor Iván Ferreiro ofrecerá un concerto o vindeiro 11 de maio no Teatro Principal de Ourense, dentro do programa da Ourense ICC Week, a 2ª Semana das Industrias Culturais e Creativas, que organiza a Deputación de Ourense. A presentación do concerto tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o coordinador da ICC Week, Juan Rivas; e o brand manager de Mahou, empresa patrocinadora do concerto, Hugo Pérez.

Manuel Baltar destacou que a participación de Iván Ferreiro “potencia a programación da Ourense ICC Week, por contar cun artista dos máis xenuinos na música independente do noso país, unha referencia no indie pop”, e engadiu que unir nestes cinco días, “música en directo cos nomes de “Love of Lesbian” e de Iván Ferreiro é un cartel moi difícil de superar, e xa estamos a traballar na edición de 2017 para seguir potenciando este evento que sitúa a Ourense como referente na vangarda e na presentación das últimas innovacións no ámbito audiovisual”. O presidente do goberno provincial agradeceu a colaboración de Mahou neste evento e avogou por continuar nesa alianza “en favor da creatividade e de apostar polo noso”.

Pola súa banda, Hugo Pérez destacou que a presenza de Mahou nesta celebración “demostra o seu compromiso coa dinamización e o ocio desta cidade e o seu entorno”.

Juan Rivas informou que as entradas para asistir ao concerto de Iván Ferreiro estarán dispoñibles a partir de hoxe en “ticketea”, cun custe de 10 euros, e tamén deu conta de que “Bestlife” é a banda ourensá que resultou gañadora dos “ICC Awards”, convidada a compartir escenario con “Love of Lesbian” o 14 de maio, mentres que “Priscila” será o grupo convidado pola organización para actuar ese día dentro da ICC Fest.

“Bestlife”, integrada por Manuel de Lorenzo, Hugo Babarro, Ángel Gorgoso, Jorge de Lorenzo e Óscar Álvarez, foi o grupo elixido polo xurado encargado de seleccionar á banda gañadora de entre os 14 proxectos presentados. Dito xurado estivo integrado polo director de Radio 3, Tomás Fernando Flores; o redactor xefe de Mondosonoro, Joan Luna; o músico e presidente da Fundación SGAE, Manuel Aguilar; e os coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo. “A alta calidade da súa última gravación, tanto pola produción como polas súas composicións, ademais do coidado dos seus vídeos e imaxe, fixeron que o xurado se inclinase por “Bestlife”, asegurou Juan Rivas. Asemade, a banda convidada pola organización da ICC Week para actuar o sábado 14 de maio, na ICC Fest, “Priscila”, foi elixida “pola súa traxectoria e o seu éxito entre o público ourensán”, sinalou Juan Rivas.

Ademais, Juan Rivas comentou que nos relatorios da xornada dedicada á música da ICC Week, que terá lugar o 11 de maio, en horario de mañá, participarán Almudena Heredero, directora do “Primavera Pro”; Javier Liñán, director artístico da discográfica “El volcán”, que editou os discos de “Los Enemigos”, “Los Planetas” ou “Bebe”; o presidente da Fundación SGAE, Manuel Aguilar, que participou en gravacións de cinco discos de “Mecano”, “Sangre española”, de Manolo Tena ou Camarón de la Isla; a editora de Radio Gladys Palmera, Teresa Navajas, e Iván Ferreiro.

A Ourense ICC Week 2016 celebrará a súa segunda edición entre os días 10 e 14 de maio en diferentes localidades da provincia de Ourense, sendo un referente no ámbito nacional da creatividade e das últimas vangardas das disciplinas culturais, artísticas e audiovisuais.

11 de abril de 2016 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.