publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 42.000 euros en obras de reparación e mantemento nos portos de Bares e O Barqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMañón
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá mais de 42.000 euros en diversas obras de reparación e mantemento nos portos de Bares e O Barqueiro, no concello de Mañón. Así o sinalou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita realizada esta mañá a estes portos.

No porto de Bares, José Juan Durán, acompañado polo alcalde, Alfonso Balseiro, supervisou as obras de reacondicionamento e mantemento que se están a levar a cabo neste porto, afectado polos últimos temporais do inverno. Estas obras inclúen a limpeza das sendas peatonais e explanadas e a colocación dos pavimentos levantados. O investimento desta actuación supera os 13.000 euros.

No porto do Barqueiro anunciou a colocación de tres grupos de defensas de caucho tipo V que serán instaladas no peirao para a protección das embarcacións. Estas defensas foron solicitadas pola confraría de pescadores e substituirán ás vellas que son de tipo rosario e están compostas por rodas. Nelas o ente público investirá máis de 28.000 euros. Ademais no Barqueiro o presidente de Portos comprobou o bo funcionamento do dique aboiante colocado hai uns meses neste porto.

Esta visita é unha máis das que o presidente do ente público está a realizar aos portos para coñecer de primeira man as obras de mantemento e conservación e as necesidades das confrarías en relación ás instalacións portuarias.

7 de abril de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.