publicidade hoxe

Turismo de Galicia investirá 200.000 euros na creación da piscina flotante de Laias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Nava Castro e Manuel Baltar na sinatura do acordo

Nava Castro e Manuel Baltar na sinatura do acordo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron hoxe na capital ourensá un acordo de colaboración para a dotación dunha piscina flotante en Laias, polo que o este departamento da Xunta investirá 200.000 euros nesta dotación incluída dentro do Plan termal para a provincia de Ourense.

A través deste programa específico que persegue o reforzamento do sector turístico termal da provincia, coa visión de consolidar e fortalecer o posicionamento da Comunidade galega como destino de termalismo, Turismo de Galicia xa destinou un investimento de máis de 5 millóns de euros para o desenvolvemento de distintos proxectos.

Así, entre as actuacións nas que xa participou o departamento da Xunta, salientan o balneario de Cortegada, o incremento da capacidade da oferta de aloxamento en Verín mediante a conversión da acrópole de Monterrei en parador, a creación de novas rutas turísticas como a Ecovía fluvial do Támega, a Ruta da auga de Verín ou a Ruta do río Caldo, o Club de Produto da auga ou o proxecto de sinalización das vilas termais.

Ademais, o acordo asinado hoxe entre a directora de Turismo de Galicia e o presidente da Deputación de Ourense, inclúe a construción dunha pasarela para comunicar a piscina que se creará na beira do río Miño e que estará comunicada co propio balneario de Laias.

Potencial termal

Aínda que os recursos termais se atopan nas catro provincias da Comunidade galega, é o caso de Ourense o que presenta unha maior potencialidade á hora de contribuír ao posicionamento global de Galicia como destino termal, dada a súa concentración de recursos, axentes e servizos relacionados directa e indirectamente co termalismo e a calidade dos mesmos.

Dese xeito, o Plan termal para a provincia de Ourense creouse para darlle pulo á riqeuza termal presente neste territorio galego e poñer en valor turístico os seus recursos naturais e culturais, estruturando a súa oferta, os seus recursos e os seus servizos.

Polo seu volume de recursos, Galicia é na actualidade o segundo destino europeo en potencial termal, só por detrás de Budapest, polo que o termalismo constitúe unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto da outros destinos tanto no eido nacional como internacional.

Por outra parte, Galicia ocupa a primeira posición en canto ao número de establecementos balnearios no ámbito internacional, xa que o territorio galego conta co 20% da oferta estatal.

Ademais, a Comunidade galega lidera tamén no conxunto do Estado o número de certificacións de calidade, dentro da marca Q, ao acoller ao maior número de balnearios certificados de toda España.

Plan Intergral de Turismo

Este potencial turístico do termalismo galego, que constitúe un dos produtos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de diversos segmentos de público, fai que ocupe un lugar especial dentro do Plan Integral de Turismo.

Neste documento, trátase a augar e o termalismo como unha das grandes fortalezas de Galicia como destino turístico, xunto ao Camiño de Santiago, a enogastronomía e os patrimonios natural e cultural.

Neste marco, o turismo termal toma un papel clave na liña estratéxica que fai referencia á oferta turística baseada no patrimonio e os recursos endóxenos diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

4 de marzo de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.