publicidade hoxe

Os veciños de 11 parroquias de Abegondo beneficiaranse do programa de rehabilitación “Vivendas do Camiño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+
Ethel Vázquez na xuntanza co alcalde de Abegondo. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na xuntanza co alcalde de Abegondo. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe nunha xuntanza de traballo ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, que 11 parroquias deste municipio, polas que transcorre o Camiño Inglés, beneficiaranse das axudas de rehabilitación do programa ‘Vivendas do Camiño’.

Vázquez explicou que estas subvencións teñen como obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida dos veciños, axudándoos a que fagan as actuacións necesarias para illar mellor a súa casa da humidade, aumentar a seguridade ou facer accesible o seu fogar eliminando barreiras arquitectónicas, sendo subvencionable, por exemplo, a reforma de baños.

As axudas da Xunta permitirán financiar ata o 35% das obras de rehabilitación das vivendas do Camiño cun máximo de 11.000 euros por inmoble. Isto é posible grazas a un programa do Goberno galego que traerá máis de 3 millóns de euros de fondos públicos ao rural galego e que inducirá investimentos por valor de 9 millóns.

A titular de Vivenda salientou que esta iniciativa é unha oportunidade tanto para os veciños, que verán incrementada a súa calidade de vida; como para a dinamización do rural; e para os concellos, como este de Abegondo, que verán revitalizado o seu contorno e acrecentado o seu potencial turístico.

Cómpre lembrar que o vindeiro 1 de abril, técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco da rolda de reunións informativas que están a ter cos veciños de concellos beneficiarios destes municipios, impartirán unha charla en Abegondo para explicar detalladamente os pasos a seguir para solicitar as axudas para a rehabilitación das súas vivendas.

Mellora do firme na AC-542

Por outra parte, a conselleira indicoulle ao alcalde que a Xunta licitará neste mesmo mes as obras de reforzo de firme ao longo dun quilómetro da estrada que vai de Betanzos a Mesón do Vento (AC-542), ao seu paso polo concello de Abegondo. Engadiu que o Goberno galego redactará este proxecto coa fin de executar as obras o antes posible.

A actuación ten como obxectivo incrementar a seguridade dos usuarios desta estrada, proporcionándolles ao mesmo tempo unha condución cómoda. Con este tipo de accións a Consellería de Infraestruturas busca aumentar a calidade de vida dos cidadáns e potenciar o desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.

No eido das infraestruturas viarias, a conselleira tamén manifestou o compromiso do seu departamento para a execución dunha rotonda en Mabegondo, na intersección das estradas AC-542 e AC-221, coa fin de incrementar a seguridade viaria na zona. Para a construción desta infraestrutura, o concello porá a disposición os terreos necesarios e a Xunta executará o proxecto e as obras.

Melloras no transporte

Nesta xuntanza, a titular de Infraestruturas tamén lle explicou ao rexedor que a Xunta informou favorablemente a proposta de Autos Vázquez e Castromil de prestar con solape os servizos Mesón do Vento-Betanzos-Porzomillos, o que significa que un mesmo autobús atendería a liña completa.

4 de marzo de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.